A segunda sede da RAG leva dous anos parada por falta de orzamento

CULTURA

Albalat fixo un proxecto para este edificio do século XVIII da cidade vella da Coruña no que se instalaría o arquivo

21 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Real Academia Galega ten a súa sede na que fora a casa da escritora Emilia Pardo Bazán e desde o ano 2007 os seus responsables contan con outro espazo, tamén de fonda pegada dentro da cultura galega, como é a casa na que viviron nos anos 1872 e 1873 Rosalía de Castro e Manuel Murguía, este último fundador e primeiro presidente da institución académica. O edificio do século XVIII foi adquirido por Caixa Galicia e cedido á RAG no mes de marzo do 2007, mediante un acordo asinado polas dúas entidades.

A reforma para converter este edificio na segunda sede da Academia, situada ademais a moi pouca distancia da actual, empezou pola laboración dun proxecto das obras a cargo dun dos membros numerarios da institución, o arquitecto Andrés Fernández Albalat, e a demolición dalgúns espazos interiores do inmoble.

E aí acabou todo porque aínda que a finais do 2008 estaba previsto que entraran en funcionamento estas novas dependencias o certo é que a reforma está paralizada por falta de orzamento xa que, segundo recoñecen os propios membros da Academia, a entidade ten outras cuestións do funcionamiento diario as que atender.

Entre ese funcionamento diario están algúns arranxos básicos que vai precisando a sede actual aínda que practicamente as únicas obras que se fixeron en moito tempo foi o acondicionamento do salón de actos da Academia na que se recuperaron «aquelas pedras que teñen un recendo a Pardo Bazán», apuntaba un académico. Así, o espazo que serve de espello para as actividades máis solemnes da entidade, recuperou a pedra vista das paredes da planta baixa, ata entón tapadas por capas de pintura.

As obras foron feitas hai preto de dous anos co fin de mellorar a imaxe dun espazo no que un dos últimos actos solemnes foi a recepción como académico de honra de John Rutherford ou a sesión de elección do novo presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín.