A RAG garda 100.000 xoias literarias debaixo dun tellado con goteiras

CULTURA

Axeitos apunta que na biblioteca da Academia «hai moi poucos libros do século XX, case todos son anteriores»

18 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando chega a choiva e o vento propios destes meses, o que Emilia Pardo Bazán chamaba «la virazón marítima», na Real Academia Galega empezan a tremer porque a auga e humidade pode afectar a cen mil xoias literarias que garda a biblioteca da entidade xusto debaixo dun tellado que ten goteiras. «Está moi deteriorado porque desde hai 30 anos non se fixo nada no tellado debido precisamente a situación económica», explicaba onte Xosé Luís Axeitos, novo secretario da institución desde o 23 de xaneiro.

Axeitos explicaba que dos fondos bibliográficos que conserva a RAG «hai moi poucos libros do século XX, todos son anteriores» e alertaba dos «serios perigos» que supón esta situación para milleiros de obras que son exemplares únicos da cultura galega. De todo os xeitos, o secretario indicou que xa se fixeron todas as xestións posibles «e cando mellore o tempo a ver se se poden empezar as obras». Esta situación leva a que nas dependencias que están máis preto do tellado sexa habitual a presenza de deshumidificadores cos que os conservadores tratan de manter en bo estado os libros. Aínda que para Axeitos esta situación «pode ser unha anécdota, reflicte moi ben cales son os medios económicos cos que conta a Academia», unha cuestión esta da que falou onte o presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín, cos parlamentarios do PSdG-PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga e Tuco Cerviño na primeira visita oficial deste últimos a sede da RAG, no número 11 da rúa Tabernas da Coruña. Ferrín lembrou que a que fora dona desta casa-museo, Emilia Pardo Bazán, «tiña unha sección que se chamaba La cuestión palpitante e nós hoxe pasamos revista a esas cuestións candentes como a cultura e a lingua». Preguntado sobre o decreto do galego, o presidente da RAG reiterou a postura da institución, citou a do Consello da Cultura «e da sociedade galega no terreo da cultura que considera o decreto lesivo para o idioma». Tamén salientou que a intervención de Luís Tosar ao recoller o Goya e falar en galego «foi aplaudido, co que se ve que en Madrid non todos están en contra diso que chaman o nacionalismo excluínte», Leiceaga coincidiu con Ferrín no senso de que «ninguén pon en cuestión o futuro do castelán en Galicia» e adiantou que pedirían axuda ao Goberno central.