A gaiteira Cristina Pato verte o seu mundo interior nun novo disco

Manuel Beceiro

CULTURA

11 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Mostrar «ese mundo interior imperfecto» que posúe, nun «momento moi importante» da súa carreira profesional, é o que intentou Cristina Pato con The Galician Connection , «un disco sen ataduras de ningún tipo». Así o expresou a gaiteira galega na presentación do seu último traballo discográfico, o primeiro en solitario desde o 2001, nun acto celebrado no espazo Arteria Noroeste, da SGAE, no que estivo acompañada polo cómico Roberto Vilar, do dúo Os Tonechos.

O título deste disco, «a medio camiño entre a música clásica e a música galega», ven dado precisamente por ese vínculo e a consecución dunha linguaxe que tivese algo en común con eses dous mundos sonoros. Unha linguaxe que lle dera liberdade absoluta «para demostrar que non eran dúas Cristinas senón unha a que gozaba dos dous mundos». Estamos, por tanto, segundo a tamén pianista, ante un disco «moi persoal, moi íntimo e moi sincero e honesto», xestado tras cinco anos de traballo intensivo en Nova York, a onde se desprazou a músico ourensán para rematar o seu doutorado en piano nun xeito de unir as súas dúas vidas, «a de académica co piano e a de gaiteira». The Galician Connection é un disco «intimista», gravado entre Nova York, Madrid, Galicia e Lisboa, no que a artista galega intentou «sacar todo o que tiña», polo que os 12 temas que conforman o disco son extensos. Ao longo dos mesmos Cristina viaxa desde o jazz ata a música americana dos anos 50, pasando pola música contemporánea, de gaita e para cuarteto de corda. Para elo contou coa colaboración de diversos músicos, como o acordeonista de jazz Víctor Prieto, co que empezou a traballar hai tres anos; a cantante Rosa Cedrón; a mezzo canadiense Patrice Jegou, coa que estudou o doutoramento; o violinista Javier Cedrón e o seu cuarteto de corda, ou o instrumentista de bouzouki Carlos Beceiro.

Con The Galician Connection , un traballo que abre unha nova vía para a gaita galega e unha nova etapa na carreira de Cristina Pato, esta continúa coa súa imparable carreira en Europa e Estados Unidos e comeza unha nova andadura na India, a onde marchará en marzo para facer unha xira co Hum Ensemble e o mestre da tabla hindú Sandeep Das.