Chega aos cines o tráiler de «The Way», rodada por Martin Sheen no Camiño de Santiago

La Voz

CULTURA

05 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hoxe estréanse nos cines de toda España as primeiras imaxes da película The Way (O Camiño), rodada polo actor Martin Sheen no Camiño de Santiago e dirixida polo seu fillo, Emilio Estévez.

O tráiler exhibirase por vez primeira antes da proxección da longametraxe Precious, candidata ao Oscar á mellor película, no día da súa estrea oficial e a acompañará a este filme no seu percorrido polas pantallas de cine de todo o país. The Way conta co patrocinio da sociedade de Xestión do Plan Xacobeo e da Xunta de Galicia e foi producida por Filmax en colaboración con Elixir Films e conta tamén coa participación da Televisión de Galicia.

A rodaxe tivo lugar ao longo do Camiño de Santiago nos pasados meses de setembro, outubro e novembro. A cinta inclúe escenas rodadas no interior da Catedral compostelá. The Way narra a historia dun reputado oftalmólogo que vive en California e que un día recibe a noticia da morte do seu fillo nos Perineos. Cando emprende a viaxe para recuperalo, descubre que este comezara a facer a ruta do Camiño de Santiago. Entón, decide facelo por el.