Un documental reúne a catro familias de Ferrolterra separadas durante 70 anos pola Guerra Civil

CULTURA

19 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Moito antes de que diante da Percebilleira, durante os veráns, morreran afogados algúns bañistas, as areas da praia da Frouxeira (Valdoviño) xa foran tinguidas de sangue. Foi no ano 38 cando o ex alcalde do desaparecido concello de Serantes (hoxe Ferrol), Alejandro Porto Leis, e outras tres persoas que o protexeran na súa fuxida, foron fusilados ao amencer, despois de ser levados ata alí desde a comisaría de Ferrol. O que entón era un neno, o fillo do Gitano de Valdoviño, veu aqueles cadáveres cando ía con seu pai, precisamente a coller percebes naquelas rochas da Percebilleira. Aquel neno é unha das testemuñas que aparece no documental escrito e dirixido por Xosé Abad O segredo da Frouxeira , de Eaf producións en colaboración coa Televisión de Galicia.

Este documental, de case unha hora de duración, proxectarase mañá, mércores, no teatro Rosalía de Castro da Coruña ás 20 horas, despois de que os protagonistas xa o puidesen ver no teatro Jofre de Ferrol «onde quedaron fora unhas 150 persoas», lembraba onte Xosé Abad.

Un ano en medio de traballo, que nalgún momento a piques estivo de irse ao traste porque algunha das persoas protagonistas non quería falar do tema, dá como resultado un xeito distinto de recuperar a memoria histórica duns feitos que tiveron separadas ás catro familias implicadas durante máis de setenta anos.

Despois de ata oito montaxes distintas, «tiñamos moita información», o resultado é un detallado relato contado polos protagonistas, un emotivo reencontro co pasado de cada unha das familias protagonistas, unha maneira de rachar un silencio que, segundo contan, «era como unha segunda morte», e, sobre todo, un reencontro destas catro familias que coinciden, en ocasións textualmente, na súa valoración: contar os feitos, sacalos a luz «pero nós non temos ningún odio, ningún».