Rober Bodegas esgota a edición do seu libro en dez días

A segunda edición sairá o mercado o vindeiro xoves día 14 coincidindo coa actuación do cómico e escritor no Teatro Colón da Coruña.


O libro Novedades, souvenirs, artículos de coña, de Rober Bodegas, editado por Auga Editora, de Santiago de Compostela, foi presentado á prensa o pasado día 28 de decembro nunha rolda no centro comercial do Corte Inglés da Coruña. Anteriormente se presentara ó publico na Casa da Cultura de Carballo, localidade natal do autor, e posteriormente na propia cidade herculina, en Vigo e en Santiago de Compostela, coincidindo cos últimos días do ano.

Nas presentacións previstas en Madrid e Barcelona para as próximas semanas, Auga Editora levará a segunda edición de Novedades, souvenirs, árticulos de coña coa certeza da boa acollida do público e da crítica xa manifestada nestes dez días.

Auga Editora agradece a inestimable colaboración dos medios de comunicación de Galicia no éxito acadado por Rober Bodegas con este o seu primeiro traballo literario.

Rober Bodegas, gañador de El Rey de la Comedia, cómico, humorista, articulista e guionista do programa de televisión Sé lo que hicisteis? de laSexta, con este libro dá o salto ao mundo dos escritores. Ao longo e ancho de setenta e catro artigos/monólogos realiza un repaso audaz e intelixente sobre as pequenas e grandes cousas da vida cotiá. Pon o dardo e a palabra nos asuntos máis insólitos, que adoitan pasar desapercibidos pero que en realidade condicionan a nosa vida de forma extraordinaria.

Facendo uso do humor máis agudo, da ironía máis fina e dos conceptos cunha gran mestría, Rober Bodegas consegue chegar aos recantos máis escondidos do pensamento humano. Todo pode parecer trivial en cada artigo ou en cada momento dos descritos, co obxecto de arrancar o riso do lector, pero no fondo e a forma cada historia agocha un mundo de reflexións que non deixará a ninguén indiferente.

Auga Editora pon ao servizo dos lectores as trescentas mellores páxinas de Rober Bodegas, en rigorosa exclusiva, nun libro prologado por Ángel Martín e moi ben ilustrado por Sergio Kozlov.

Rober Bodegas (Carballo, A Coruña, 1982) é cómico e guionista. Deuse a coñecer tras ser o gañador de El Rey de la Comedia (TVE, 2007), programa no que se buscaba o mellor cómico do país entre máis de 3.000 aspirantes. Antes triunfara na súa terra gañando varios concursos de comedia como o «Certame de dramatización de monólogos cómicos», no Festival Internacional Outono de Teatro, ou o de comedia da Bienal da Caricatura de Ourense. Actuaba por todo o país nas salas e locais do circuíto nacional de cómicos e colaboraba coa emisora galega RadioVoz, mentres intentaba rematar os seus estudos de Arquitectura de Interiores. Fóra da Universidade, estudou comedia con Leo Bassi, Jango Edwards e Cándido Pazó entre outros. Desde principios de 2008 é colaborador e guionista do programa Sé lo que hicisteis? de laSexta e ademais participa habitualmente no programa Land Rober (TVG), escribe para La Voz de Galicia e é imaxe da cervexa Estrella Galicia. Actualmente compaxina todo isto coa presentación do seu espectáculo ¡Y un condón por si pillo! despois de presentar con éxito por toda España a súa anterior obra El día en que empecé a odiar los yogures y otras desgracias, que aínda segue en cartel no Teatre Neu de Barcelona. No seu tempo libre xuntou o mellor dos seus artigos, shows e monólogos para a tele, corrixiunos (eliminou os chistes máis malos?) e ampliounos (engadiu algún un pouco mellor?) para publicar Novedades, souvenirs, artículos de coña e pasar a ser «cómico, guionista e escritor».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Rober Bodegas esgota a edición do seu libro en dez días