O Novocine será o primeiro do rural galego e de toda a provincia de Ourense en realizar estas proxeccións
11 ene 2010 . Actualizado a las 12:26 h.Se hai algo que ninguén lle pode discutir a Ernesto Romero García, propietario do Novocine de Leiro, é a súa paixón polo audiovisual e o seu amor polo cine. Tanto que ata se podería apostar que se lle fan unha radiografía sae un fundido a branco en lugar de ósos. E Ernesto Romero, o do cine de Leiro , non podía menos que facer boa a súa xusta e ben gañada fama de romántico que loita contra a lóxica, as estatísticas e o sistema, aínda que el prefire fuxir do protagonismo e explicar as cousas cunha sinxeleza insultante: «É que non quería morrer sen poder velo no meu cine».
O que quería «ver» no Novocine non era outra cousa que o sistema 3D, de tal xeito que dende hai cousa dun mes Leiro é o primeiro lugar da provincia de Ourense, e un dos poucos de Galicia, onde se pode disfrutar de películas en 3D. Unha circunstancia que non se da na capital da provincia, xa que os Cines Box (con oito pantallas no centro comercial Ponte Vella) aínda carecen deste novo formato.
Con esta pequena revolución nun dos escasos pobos de Galicia que aínda mantén aberto un cine -Ribadavia e O Carballiño están a 10 quilómetros de Leiro e hai anos que non contan con pantallas estables-, pasa a ser unha alternativa real para ver a oferta cinematográfica máis recente. Esta fin de semana Ernesto Romero proxectou no Novocine, que ten un aforo de 144 butacas, Luna nueva e nesta semana comezan as proxeccións de Avatar.
O dono do Novocine recoñece que a clientela aumenta, «porque accedes a uns títulos máis recentes e a estreas ao mesmo tempo que o fan as cidades, cando antes tiñas que agardar semanas ou un par de meses para poder pasalos. Neste último mes pasei 2012, Lluvia de albóndigas ou Cuento de Navidad e hai moita xente que vén para ver as películas coas gafas, aínda que non sexan en 3D senón en dixital».
Cinéfilo, mais non nostálxico, Ernesto Romero non alberga dúbidas teóricas: «O dixital dáche unha calidade que non acadas cos 35 milímetros, que pode ser superior nunha estrea pero que conforme empeza a pasarse acumula pó e vai perdendo calidade».
Non lle daban os cartos
Ernesto Romero non o tivo fácil. Os bancos rexeitábanlle o préstamo para instalar o 3D pola súa idade e tivo que avalalo o seu irmán. Pero tamén tivo que poñer como respaldo a casa, que é a vivenda familiar e cine.
El confía nas súas posibilidades, como leva facendo dende que en 1983 abriu o Novocine, e mira o futuro con optimismo: «Ao acceder a estreas sempre podes captar máis clientela que ata o de agora, e supoño que será máis doado pagar o crédito. Se a cousa non sae ben pois quedareime sen a casa».