Manuel Rivas proclama o milagre da literatura no discurso do seu ingreso como membro numerario

La Voz

CULTURA

13 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O discurso de ingreso de Manuel Rivas comezou con Antígona e acabou con Ulises e polo medio foi entrefrebando os grandes nomes da cultura europea cos grandes nomes da cultura galega, Pondal e Beckett, Camilo Gonsar e Proust, Martín Códax e Miguel Torga, Rosalía de Castro e Paul Éluard, André Bretón e Xohán Casal.

O discurso de ingreso do novo académico comezou por un territorio físico identificado co campo de operacións da infancia coruñesa de Rivas. Unha cidade «nacida da luz do faro». Un territorio no que a cada paso e a cada momento vaise abrindo a «boca da literatura». Barthes, Walter Benjamin, Reimundo Patiño, Novoneyra e Pimentel movéndose nun discurso no que Rivas falou do «paraíso inquieto». Referiuse a ese espazo dominado pola torre de Hércules, «un lugar fermoso, dominado polo monumento emocional do faro, con acantilados e campo con vacas». Na metáfora entra o Campo da Rata, «foi o lugar do crime, do maior crime da historia da cidade e posiblemente da historia de Galicia». Rivas aproveitou as mensaxes circulares dos petróglifos para explicar a historia de Galicia e os seus distintos círculos concéntricos antes de advertir que agora «estamos noutro círculo, o do rescate». O escritor sinalou: «Sentimos que as cousas nomeadas están máis protexidas» e deste xeito lembrarlle o nome as cousas é un xeito de salvalas. Un recoñecemento «grazas á memoria fértil, a álxebra da terra e ás palabras. Vai ser que si. Que a poesía é O maior milagre do mundo».