Ritmos galegos e cubanos fúndense en «Descarga ao vivo»

M. B.

CULTURA

O disco, gravado en directo, é froito dun longo traballo de tres anos.

02 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Descarga ao vivo, o disco gravado en directo e que reflicte a fusión musical entre Cuba e Galicia, froito dun longo traballo de tres anos, foi presentado onte na flamante Factoría Compostela, o espazo de arte que conta na capital cubana co seu espazo irmá Factoría La Habana. O folk galego e o jazz latino, a muiñeira, a guajira, a jota, as habaneiras ou ou danzón -o baile nacional de Cuba, nacido precisamente do talento dun galego-cubano, Miguel Faílde, e do que xurdirían outros bailes como o mambo ou o chachachá- fúndense nunha simbiose natural neste traballo discográfico editado por A Central Folque e Falcatruada.

O cedé vén acompañado dun deuvedé de agasallo que contén as imaxes da xira de concertos que nutren este proxecto: o da súa estrea no Teatro Mella da Habana e os posteriores na Coruña, Compostela e Vigo. Un making off dá fe da convivencia sonora e anímica, da complexidade do proxecto e da satisfacción polo resultado. O cantautor cubano Pablo Milanés, cantando en galego Aí vén o Maio é un dos extras dos agasallo que poden escoitarse no deuvedé, que se completa con imaxes da xira e cunha galería de fotos.

Ramón Pinheiro, director artístico de Descarga ao vivo , destacou no acto de presentación a complexidade desta produción, «non simplemente por contar cun elenco de músicos espectaculares senón por poder desenvolver esta investigación tanto en Galicia como en Cuba, que durou tres anos cos custos persoais e económicos». Unha investigación que está plasmada no libro A La Habana quiero ir. Los gallegos en la música de Cuba (Sotelo Blanco).