«Nunca fun moi consciente desa relación miña co mar»

La Voz

CULTURA

30 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«Unha presada de seres humanos que se axudan e se fan dano uns a outros, algúns chegan a quererse e todos se aferran aos seus recordos para tentar evitar o naufraxio». Así resume Miguel Anxo Prado Ardelán, o seu próximo libro, no que está traballando.

-¿Como vai esa obra?

-Son 170 páxinas de banda deseñada, é moito, o equivalente a unha novela tocho como Os libros arden mal, de Manolo Rivas, aínda que non chega a última de Muñoz Molina. Levo algo máis dun ano para escribir o guión, xa que o proceso son varios pasos, como a escrita da historia, logo planificación das páxinas e despois debuxalas.

-Aparecen debuxos seus na última campaña do Acuario sobre o consumo de peixe.

-Co Acuario é unhna relación vella, síntome na casa, xa que empecei a traballar con eles antes da apertura; tivemos as primeiras reunións coas peceiras valeiras. Fixen as imaxes de identificación dos peixes que ían chegando e tamén a mascota.

- ¿A súa obra está moi vencellada co mar?

-Nunca fun moi consciente desa relación co mar, é unha pura traxectoria vital. Lembro como me impactara en Blade Runner, cando a replicante e Harrison Ford quédanse mirando as fotos da familia hai vinte anos; non acababa de coller o punto emocional, pero vexo que a xente empeza a recuperar as fotos da familia ao cumplir os corenta. Vas descubrindo as túas propias obsesións.