Unha fundación e a fotobiografía

La Voz

CULTURA

15 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un dos proxectos xa moi avanzados e vinculados con Carlos Velo é a constitución en xaneiro próximo da Fundación do seu nome promovida desde o concello de Cartelle pola súa alcaldesa Carmen Leyte, que fora amiga persoal de Velo e da súa familia, ademais de médica do seu irmán Castor e da súa dona, xa falecidos.

A Fundación, a única en Galicia vinculada co audiovisual, terá a súa sede na casa natal de Cartelle, orixinaria do XIX e que fora residencia de José Velo, médico de Cartelle e pai do cineasta. Para iso xa hai conversas coa Consellería de Cultura para, xunto a outras institucións, promover a restauración do inmoble e convertelo nunha fundación singular e única con vínculos internacionais a través de México, país que acolleu a Carlos Velo e que lle permitiu realizar unha fecunda carreira como intelectual, cineasta e mestre de varias xeracións de realizadores.

A futura Fundación tería como presidenta a neta do cineasta, Laura. Como anticipo, a Secretaría Xeral de Medios apadriñará unha fotobiografía de Carlos Velo con abundante material gráfico e documentos procedentes do arquivo persoal do cineasta, que será presentada no próximo mes de decembro.