Hoxe cúmprese o centenario do nacemento do cineasta Carlos Velo

M. A. F.

CULTURA

A súa longametraxe «Torero!» foi preseleccionada para o Oscar na categoría de documental

15 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Van hoxe cen anos do nacemento de Carlos Velo Cobelas no lugar de Pereiros, do concello ourensán de Cartelle. Morto en 1988 en Ciudad de México, onde residía desde que en 1939 se vira forzado ao exilio, Velo realizou co produtor Fernando G. Mantilla, entre 1934 e 1935, os mellores documentais españois durante a República, segundo a crítica da época. Entre eles está o vangardista Infinitos , do que non se coñece copia, e o premiado Galicia , do que se conserva parte da metraxe.

Cando mozo, Velo formara parte dun peculiar equipo de filmadores ourensáns con Augusto Pacheco, Antonio Román e Xaquín Lourenzo, Xocas . Xa en Madrid licenciouse en Ciencias Naturais en 1932 para dar clases de entomoloxía na Universidade de Madrid e doutorarse cunha tese sobre a linguaxe das abellas presentada en soporte cinematográfico.

Vinculado ao grupo da Residencia de Estudiantes, cofunda en 1933 o cineclub da Federación Universitaria Escolar (F.U.E) e participa nas Misiones Pedagó­gicas da Institución Libre de Enseñanza. Fixo amizade con Luis Buñuel despois de terlle enviado de Madrid a París as formigas necesarias para unha secuencia de Un perro andaluz. Xa en México, ambos volveron compartir proxectos comúns, como a rodaxe de Nazarín (1958), da que Velo foi produtor executivo, ou para presidir o prestixioso Centro de Capacitación Cinematográfica que Velo fundou en 1975. Xunto a Luis Soto e outros intelectuais, Velo promoveu en 1953 o Padroado da Cultura Galega para presidilo ata finais desa década. Igualmente cofundou a revista Vieiros , editada entre 1959 e 1968.

Primeira longametraxe

Acollido xunto a outros exiliados polo presidente Lázaro Cárdenas, en 1956 dirixiu a súa primeira longametraxe, Torero! Anos despois asumiu o desafío de levar ao cine a complexa novela Pedro Páramo de Juan Rulfo para estreala en 1966 que provocaron unha gran polémica arredor das relacións cine-literatura.

No plano político, Velo presidiu desde 1961 a delegación do Consello de Galiza en México, ata finais dos anos sesenta. A súa actividade como documentalista non cesou ata pouco antes da súa morte. Previamente xa comezaran a chegarlle os recoñecementos en Galicia despois da morte de Franco, entre eles o premio Mestre Mateo en 1983 e sobre todo a homenaxe en 1985 no marco das Xociviga do Carballiño. Como escritor é autor do conxunto de relatos Memoria erótica, editados en Galicia dez anos despois da súa morte. A figura de Carlos Velo está a ser reivindicada como un dos grandes documentalistas da historia do cine, mestre de varias xeracións de realizadores mexicanos. Igualmente a súa vida e a súa obra está a recibir atención nos últimos anos por parte de investigadores e ensaístas.