«A miña literatura medrou comigo, abrindo novas portas»

CULTURA

26 oct 2009 . Actualizado a las 12:06 h.

Unha de entrevista. María Canosa (Cee, 1978) ri, como case sempre, porque así titula os seus artigos neste xornal, esas «pingas, porque son pequenas, de cristal, porque quero que sexan brancas, transparentes». Agora toca unha de libros, así, en plural, porque xunto cos dous publicados antes deste verán veñen outros dous nos que está traballando esta escritora que confesa, «en todo o que fago poño algo de min».

-Ten nas librarías dous libros recentes, ¿publica a pares?

-Foi unha coincidencia, porque un deles levaba no prelo polo menos tres anos; son cousas da edición. Un é Faíscas (Galaxia) que é un conxunto de relatos xuvenís ou para adultos. O outro é para primeiros lectores, titúlase Entre papoulas (Everest Galicia), é un libro moi bonito.

-Ilustrado por...

-Marta Rivera Ferrer. Case é tan importante a ilustración coma o libro. Salienta os valores do medio ambiente, de vivir en comunidade, de manter a harmonía. Intenta distraer pero tamén educar. Pensaba como escribir para nenos aos que todo lles entra polos ollos, o vocabulario tamén.

-Dous rexistros distintos.

-Si. Os relatos son máis sentimentais, de cousas vividas, soñadas, imaxinadas; outras que me contaron, de noticias, de cousas que me gustan e doutras que me producen xenreira. Ese libro levaba anos no prelo e cando mo mandaron para revisar foi como atoparme de novo, e estiven tentada de cambiar algunha desas faíscas, pero non o fixen porque falaban do que fun antes e do que son agora.

-¿Son autobiográficos?

-Non son capaz de facer nada sen poñerlle algo de min ao que fago, pero non se pode dicir que sexan relatos autobiográficos. Sempre dicían que o libro de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, era autobiográfico e non o é, pero está tan ben contado que o parece.

-¿Vai dar o salto á chamada literatura de adultos?

-Posiblemente. A miña literatura medrou comigo. De momento acabo de entregar outro libro xuvenil en Everest. Xa escribín como unha adolescente, escribía segundo a idade que tiña porque me faltaba a experiencia da vida de agora. O salto ao mellor dino cando decidín facer cousas para nenos, para primeiros lectores, porque tes que ver o vocabulario que empregas, o que vai mellor para ilustrar; a literatura infantil non é doada.

-¿Haberá unha novela?

-Estou empezando a facer algo, dándolle forma, e non sei se rematará nunha novela ou noutra cousa, que tamén é bonito deixarse levar pola historia.

-¿Por que escribe?

-Pola necesidade de contar cousas. Hai tempos nos que non escribo, pero a cabeza sempre está argallando algo.