As herdanzas das letras son difíciles de xestionar

La Voz

CULTURA

13 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O talento non se herda, segundo unha máxima pouco monárquica. Os problemas coa herdanza dos escritores en particular e dos artistas en xeral non se acaban nunca, nin con fundacións nin con cesións.

Hai casos mesmo sen saír de Galicia. O fillo de Camilo José Cela litigou coa viúva do escritor e presidenta da fundación que leva o seu nome polo legado do escritor.

As discrepancias sobre como xestionar legados, dereitos de autor, bibliotecas e arquivos acaban case sempre no xulgado. Un dos casos sonados nos últimos anos ten que ver coa figura do poeta Rafael Alberti. A súa última compañeira dirixe a compañía que xestiona o legado e os dereitos do poeta gaditano. Pero a filla da primeira parella do escritor cre que a xestión levada a cabo nos últimos anos prexudica á difusión da obra do seu pai. Acusa a María Asunción Mateo de pedir cantidades astronómicas para os dereitos e de denegar permisos para antoloxías ou reedicións.

Outra bronca foi a conta de Octavio Paz. O escritor mexicano creou unha fundación pouco antes de morrer e nomeou a un responsable de maneira que o legado quedase no seu país, que debería ser vendido pola viúva de Paz unha vez que este falecese. Pero a viúva cambiou de idea e o legado non chegou á fundación como o nobel deixara previsto.

Sobre os herdeiros cae unha dobre función: controlar o uso das obras e xestionar o legado documental. As queixas de lectores, especialistas e axentes culturais van sobre quen realiza un control que consideran abusivo das obras, de tal maneira que afogan a difusión e coñecemento da figura, como sucede con Alberti.