Roberto Varela di que non asumirá todos os programas do bipartito

Camilo Franco

CULTURA

O conselleiro entende positivo para o sector cultural que Turismo estea integrado no seu departamento

18 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Con varias frontes abertas no mundo cultural, esta fin de semana Roberto Varela Fariña cumpre cinco meses como conselleiro de Cultura e Turismo. Prefire falar de «prioridades» antes que de «recortes», aínda que admite «o feito de contar con menos recursos económicos». Sinala que esta circunstancia obrigada pola etapa de austeridade «non supón en absoluto que haxa sectores da nosa cultura necesariamente prexudicados».

Segundo o conselleiro, os recortes de actividades destes cinco meses «non se deben exclusivamente a cuestións económicas». Varela sinala que a súa intención é «propiciar o consumo cultural» de xeito que «a cultura empresarial entre de cheo na estrutura produtiva das nosas industrias culturais».

O titular de Cultura rexeita que haxa unha maior actividade no seu departamento en Turismo que en Cultura, do mesmo xeito que considera que a presenza do Xacobeo na súa estrutura beneficia ao sector cultural galego. Varela sinala que unha parte «da política turística ten efectos positivos sobre a nosa cultura e a súa industria». Sinala dúas circunstancias. Por unha parte «potenciar as representacións teatrais e musicais en parte con compañías da nosa terra», concretando na programación que está realizando o Xacobeo e que servirá para «lograr que a nosa cultura sexa imaxe de marca de Galicia no exterior».