O Culturgal deste ano farase co traballo de voluntarios

La Voz

CULTURA

18 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Segundo Varela Fariña, o Culturgal non ten apoio da consellería este ano porque «os anteriores responsables da consellería non comprometeron orzamentariamente a celebración de Culturgal para o 2009, feito corroborado pola Asociación Galega de Editores». O conselleiro sinala que este feito «non implica que a consellería non colabore en futuras edicións».

O futuro inmediato do Culturgal está complicado pese a que, desde que se coñeceu que a consellería non apoiaría este ano a celebración da feira das industrias culturais galegas, unha plataforma na rede, Queremos Culturgal 09, lanzou unha convocatoria pública para captar voluntarios que queiran contribuír mediante horas de traballo á organización e celebración do evento que debería alcanzar en decembro a súa terceira edición. Con pouco menos dunha semana, a plataforma xa sumou cen persoas interesadas en colaborar sumando en conxunto un total de 1.250 horas de voluntariado. Segundo integrantes desta plataforma, a vocación da mesma é «evitar que as cuestións económicas impidan celebrar este ano a feira».

Os membros da plataforma tamén se puxeron en contacto coa Asociación Galega de Editores, propietaria do nome e organizadora da primeira edición. Segundo o seu presidente, Alfonso García Sanmartín, a iniciativa do voluntariado é ben recibida, pero dende a AGE aínda non se decidiu se se poderá organizar o Culturgal para este ano.

A AGE celebrou onte unha reunión na que se acordou poñer en marcha a Fundación Culturgal para que asuma no futuro a xestión do evento. En prazo máis curto, os editores convocarán en breve aos representantes dos sectores culturais galegos que participaron en edicións anteriores da feira para explicar a situación actual e coñecer as intencións de todos. Por outra parte, a AGE mantivo contactos coa concelleira de Cultura na Coruña, María Xosé Bravo, quen ofreceu alternativas de espazo diferentes ao Palexco. Segundo Sanmartín, a posibilidade para este ano «é un Culturgal máis parecido á primeira edición e cun presuposto moito menor que o do ano pasado». O editor sinalou que tras as reunión cos sectores culturais «haberá que decidir se podemos organizar a feira para este ano e despois volveremos a falar coas Administracións municipais para ver se é posible ou se traballamos xa de cara ao 2010».