O 2010 será o Ano do Libro e da Lectura de Galicia

La Voz

CULTURA

18 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

En canto a algunhas actividades que este ano non tiveron apoio de Cultura, caso dos premios nacionais, do Culturgal ou mesmo do Festival dos Abrazos, sinalou Varela Fariña que nalgúns destes casos «os recortes nalgunhas das actividades non se deben exclusivamente a cuestións económicas relacionadas co orzamento para este exercicio, senón ao lexítimo feito de que como Goberno é a nosa obriga marcar prioridades, definir directrices». Sinalou tamén que «resulta imposible que se estea de acordo con todos os programas, accións e estratexias levadas a cabo ou apoiadas polo Goberno saínte».

O titular de Cultura asegurou que non habería recorte orzamentario para o mundo do libro en ningunha das súas especialidades, asegurando un «compromiso absoluto no presente e para o futuro coa industria editorial».

Apuntou neste sentido dúas circunstancias, a primeira é o incremento nas «axudas á tradución na convocatoria por tramitación anticipada que se publicará este ano e que corresponderá aos orzamentos do 2010». Na segunda circunstancia está a celebración durante o exercicio vindeiro do Ano do Libro e da Lectura de Galicia. O conselleiro explicou que se demostrará nos programas a desenvolver a «liña fluída de colaboración e diálogo responsable» cos responsables do sector en Galicia.

Para Varela Fariña, en todas estas cuestións o peso da economía é unha parte do conxunto. Para o conselleiro «é evidente que un traballo ben planificado e estruturado pode ser positivo, xerar riqueza e ser beneficioso socialmente sen precisar de recursos ilimitados». Tamén descartou o titular de Cultura que os presupostos do Gaiás afecten ao labor que desenvolverá a consellería en próximos exercicios, porque o seu «orzamento non repercute no resto das decisións económicas».