Obras para lectores de todas as idades, que van desde a literatura infantil ata a narrativa máis ambiciosa

La Voz

CULTURA

21 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Entre as novidades que están chegando aos andeis das librarías ou chegarán a eles durante durante as próximas semanas encóntranse, á par de O vicio nefando , de Xosé Manuel Martínez Oca, que vén de editar Baía, Memorias dun ninguén , de Carlos Mella (un libro que invita a reflexionar sobre como os avatares da vida seguen o seu propio camiño, con independencia de quen os contempla ou os protagoniza...), e Bícame mon amour , de Anjel Lertxundi, un texto escrito arredor da fotografía e dirixido, na colección Árbore, a lectores a partir de 12 anos de idade. Tanto o libro de Lertxundi como o de Mella chegan aos lectores da man de Galaxia, a editorial que dirixe Víctor Freixanes.

Traducións

A editorial Rinoceronte ten entre as súas últimas novidades as traducións ao galego de Poesías de desamor , de Cesare Pavese, volume que segue a edición italiana feita no seu día por Italo Calvino, e As leis fundamentais da estupidez humana , de Carlo M. Cipolla. E a editorial A Nosa Terra ten entre as súas últimas e máis exitosas novidades Os bicos de Tina , de Afonso Eiré, brillante novela dunha das voces máis persoais da literatura galega dos nosos días.

Para os máis pequenos

Kalandraka publica non só en galego, senón tamén en castelán, portugués e inglés títulos como A araña e máis eu , unha obra escrita por un dos grandes narradores de Galicia, Fran Alonso e ilustrada con imaxes de Manuel G. Vicente. Así como O León Kandinga , de Boniface Ofogo, ilustrado por Elisa Arguilé, e Quen é? , de Leo Lionni. Tamén no ámbito infantil, Embora prepara novos títulos de autores como Antón Cortizas, e para adultos a nova obra de teatro de Rubén Ruibal, que levará por título Onde andas, Karl? Tamén prepara unha nova colección, que recibirá o nome A igualdade conta .

Ao mesmo tempo, Xerais publica Mercurio , de Emilio Alonso, a obra ambientada en Lugo que gañou a oitava edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz. Un «thriller satírico» que engancha ao lector desde a primeira páxina, e no que non faltan desde historias de amor ata a sempre triste sombra da corrupción urbanística. Tamén e Xerais quen saca á luz en forma de libro O recendo das mimosas , unha ducia de relatos de Agustín Agra nos que que están presentes desde a sátira política e o humor. E Lóstregos , de Xosé Neira Vilas.

O legado de Melville

Igualmente, baixo o selo da editorial que dirixe Manuel Bragado chegan agora ás librarías Bartleby, o escribinte -a tradución ao galego do impagable relato de Herman Melville no que o autor de Moby Dick dirixe a súa mirada á figura dun amanuense que dicide ser fiel á súa vontade ata as últimas consecuencias-; O bosque animado , de Wenceslao Fernández Flórez, obra ambientada na fraga de Cecebre que o seu autor publicara en castelán, e Pedras de Compostela , de Aldonza de Praterías. Un libro, este último, que inclúe, ademais de fotografías de Manuel G. Vicente, un prólogo de José María Díaz, membro de número da Academia de San Rosendo e deán da catedral de Santiago de Compostela.