A Asociación de Estudos Galegos reúne a máis de 200 galicianistas para debater sobre os retos do século XXI

C. P.

CULTURA

14 jul 2009 . Actualizado a las 02:23 h.

O académico e profesor da Oxford University John Rutherford abriu no pazo de Fonseca as sesións do noveno congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, o primeiro que se celebra en Galicia. Foi cunha conferencia plenaria na que fixo unha consideración crítica dos acertos e desacertos do traballo levado a cabo polos Centros de Estudos Galegos no mundo, e na que cuestionou a política do actual goberno da Xunta sobre o idioma galego.

O tema do encontro é Galicia nos contextos globais: perspectivas para o século XXI, polo que as mesas de debates e as conferencias plenarias abordan os restos do futuro inmediato de maneira interdisciplinar. Por iso, a primeira das catro mesas de debate de onte estivo protagonizada polo político e economista Camilo Nogueira, o empresario Francisco López Peña e o catedrático de economía aplicada Xavier Vence, que ofreceron unha visión económica e empresarial de Galicia no mundo.

A crítica literaria e a análise do traballo dos galicianistas norteamericanos foron outros dous temas de debate, xunto cos datos dunha enquisa sobre as motivacións culturais para visitar Galicia do turismo brasileiro e portugués. O interese deste traballo é «coñecer mellor a construción dunha identidade galega á luz das imaxes construídas polo outro», segundo o equipo de investigadores.

Neste encontro, organizado en colaboración coas universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e do Consello da Cultura, participan 200 galicianistas, investigadores de áreas das humanidades e das ciencias sociais relacionados con Galicia, dos que a metade proceden de fóra de Galicia. Porque na AIEG, que naceu na década dos 80 polo traballo de estudosos da cultura e da lingua galegas en Norteamérica, conflúe na actualidade a comunidade académica internacional, formada por estudosos galegos e doutros países que traballan en universidades, centros de estudos galegos ou nos lectorados de galego. O actual presidente é Burghard Baltrusch, profesor na Universidade de Vigo.

O congreso repártese nas tres universidades. As ponencias e debates de hoxe e do xoves celébranse en Compostela. O mércores o marco de traballo vai ser Vigo e A Coruña é a anfitriona das sesións do venres e da clausura a cargo do presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, que falará sobre Ramón Piñeiro e a cultura galega no exterior.