Vázquez Pita presenta en Vigo ao seu detective do século XVII


Onte, na Feira do Libro de Vigo o mundo puido coñecer a Sansón Troleyro. ¿E quen se agacha tras tan particular nome? Un estudante de medicina de Santiago... do ano 1672. O pobre Sansón, un estudante de pan e sardiña, non ten unha vida fácil: o seu señor malla nel como un can, os seus compañeiros e profesores fan burla das súas teorías, o Santo Oficio anda a investigalo por ter meigas entre os seus ancestros... a vida para el sería un desastre de non ser porque ten gran talento para resolver misterios coa súa agudeza e innovadores trebellos coma o microscopio.

Pero Sansón non foi real ao cen por cen. Xurdiu da mente de Enrique Vázquez Pita, quen afirma que «a personaxe é inventada, pero a recreación histórica é crible. A novela mestura maxia, segredos de curandeiros, pero Compostela é tal cal a viu Cosme III de Medicis uns anos antes», conclúe o novelista. As fontes do autor para documentarse foron tan rigorosas coma as actas dos xuízos de médicos nos arquivos da Real Audiencia de Galicia en A Coruña, poemas de estudantes da época [ as Minervais ] e obras históricas contrastadas. Sansón Troleyro, estudante de pan e sardiña, é a segunda novela de Vázquez Pita, autor tamén do relato de viaxes Europa na Mochila e do guión do cómic A Coruña. 800 años de histori a. Onte a novela foi presentada en Vigo polo seu autor e por Manuel Bragado, coa esperanza de que chegue ao público e se converta nunha saga de éxito. De feito, Vázquez Pita xa ten lista a segunda parte das aventuras do estudante: «Desenvólvese no mar Caribe e Nueva España, no sur dos actuais EE.?UU. Sansón xógase a vida para resolver outro enigma histórico a petición do bispo de México, que era paisano de Betanzos», conclúe.

Aventuras xuvenís

Pero non hai que adiantar acontecementos. ¿A que se enfronta o infortunado estudante na primeira novela? Pois tamén a temas internacionais: destapa a incursión dos franceses na Florida e o contrabando dos piratas bretóns de Saint-Maló en Cádiz.

Estas aventuras nun mundo en expansión e nunha época convulsa fixeron que o libro se encadrase dentro da narrativa xuvenil. ¿Está de acordo o autor con este encadramento? «É unha novela xuvenil que describe o paso á idade adulta, a personaxe ten 17 anos e usa a súa intelixencia para vencer -conta Vázquez Pita-, ese é un relato tipicamente infantil que naceu co duelo entre Ulises e o Cíclope. E os maiores devoran as páxinas porque lles recordan os seus tempos de ilusións», finaliza.

Aí temos a síntese desta irresistible obra; un mozo inadaptado con tradición familiar na maxia secular, facendo uso das novas tecnoloxías nos séculos escuros para resolver misterios ao longo do Imperio español. O autor define á súa personaxe como «un CSI » doutra época.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Vázquez Pita presenta en Vigo ao seu detective do século XVII