A SGAE xestionou 16,6 millóns de euros en Galicia no 2008

La Voz

CULTURA

24 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) rexistrou o ano pasado un descenso de ingresos en Galicia debido á repercusión da crise económica no sector cultural, segundo os resultados presentados onte por ese organismo. De acordo con estes datos, o ano pasado a xestión da SGAE en Galicia concluíu cunha baixada do 12,5% con respecto ao exercicio do 2007. «É a primeira vez nas dúas décadas máis recentes que a entidade termina unha tempada cun saldo negativo, fenómeno directamente proporcional ao receso económico xeral que vén sufrindo a sociedade galega e española e que incide, de modo notable, no sector cultural», indica un comunicado dese organismo que xestiona os dereitos de autor do sector cultural.

Precisa que os espectáculos de teatro e danza, concertos e outros eventos artísticos «caeron un 6,9 % no 2008», mentres que os ingresos por dereitos de autor procedentes de salas de cine «ascenderon un 19,9%», aínda que isto último é atribuíble á «regularización de atrasos». Javier Vidal, director da SGAE para o noroeste de España, considerou que «a sociedade atravesa momentos difíciles incluso para facer fronte aos gastos máis necesarios e elementais» pero advertiu: «Non debemos ver na cultura un problema, senón unha oportunidade».

O número de afiliados á SGAE en Galicia aumentou un 6,3% para situarse en 2.723 socios, fronte aos 2.560 do 2007, e en total a SGAE xestionou 16,6 millóns de euros no ano 2008. Entre os espectáculos que máis ingresos por dereitos de autor xeraron no 2008, a SGAE subliña o musical Peter Pan de Theatre Properties en Vigo e Santiago de Compostela, La montaña rusa da compañía Arturo Fernández na Coruña, así como Estrelas de Teatro Paraíso e Coppélia de Víctor Ullate Ballet, ambos os dous en Vigo.

Entre os concertos con maior recadación en dereitos de autor destacaron, por esa orde, os de Lenny Kravitz en Vigo, o do 24.º Festival do Mundo Celta en Ortigueira, o de Bob Dylan en Vigo e os de Juan Luis Guerra e Alejandro Fernández na Coruña.