Luz Pozo presenta hoxe o seu poemario «Deter o día cunha flor», inspirado na poeta china Li Yian

CULTURA

22 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«O máis incisivo do poema / son as palabras de soidade / e de impotencia / cando fala coas plantas: / 'Xa sei que non podes deter o día'». Esta ultima frase da china Li Yian, «unha poeta do século XI que atopei lendo a Historia da literatura universal», serviulle de inspiración a Luz Pozo Garza para escribir o poemario Deter o día cunha flor (Baía Edicións). Este libro será presentado hoxe ás 20 horas na sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña. Aínda que naquela historia da literatura só había un poema, «polo que ao mellor non era moi importante», Luz Pozo confesaba onte o impacto que lle causou ler aqueles versos: «Partín de aí para escribir o libro, deter o día coa flor».

A forza da vida está moi presente nos primeiros poemas deste novo libro: «Falo da vida como a vexo. Son bastante optimista e sobre todo gústame rememorar as cousas que están relacionadas coa alma e co espírito, sobre todo coa alma». Unha desas lembranzas sitúase no Cebreiro, «esta é a terra sagrada do meu pobo / a patria do milagre», e a escritora lembra que ese foi un sitio onde foi cando casou co poeta Eduardo Moreiras. «Impresionoume moito polos milagres, polo lugar, pola proximidade das pallozas», conta. E é que, como amosa a dedicatoria do capítulo Lotus no corazón, Eduardo sempre está moi presente, «como non podía ser doutra forma», na obra de Luz Pozo; de feito varios poemas dun dos capítulos están dedicados ao poeta, aínda que esta numeraria da Real Academia Galega indica que o libro non está acabado e a razón é que lle gustan moito «as cousas fragmentadas, breves, deixar ao lector que teña imaxinación».

Promotora de revistas

A promotora de revistas crítico-literarias e artísticas como Nordés ou Clave Orión confésase «intimista» e di que fai unha poesía «un pouco periférica, algo apartada das correntes habituais», aínda que está ao día do que pasa e le poemas de xente nova, pero non se deixa «influír por esas cousas».

O parque de Castrelos é escenario doutro poema: «A miña relación con Vigo foi moi importante e iso supón un novo principio, eu tiven moitos comezos de vidas novas, a guerra, a viuvez... cada oito ou dez anos un cambio». Agora está «nunha fase moi xuvenil, de alegría, de colorido: teño netas e bisnetas». E ademais prepara un novo libro que arrinca «dun poema alegórico deste» no que fala de que vai descalza.