«O escritor non pode evitar ser un cronista do seu tempo»

Camilo Franco

CULTURA

Dez relatos sobre a realidade compoñen o novo libro do autor ourensán

17 abr 2009 . Actualizado a las 11:34 h.

Dez relatos asumen o protagonismo do novo libro de Francisco X. Fernández Naval, Para seguir bailando. Publicadas por Xeiras, as dez historias reparan na dureza dalgunhas circunstancias cotiáns e advirten a necesidade de continuar adiante.

-Os relatos que compoñen o libro ofrecen, en conxunto, unha lectura algo desacougante da realidade. ¿Foi buscada de partida ou é unha circunstancia inevitable?

-Os primeiros relatos que escribo e que forman parte del, Noite de pallabarro e A noite de Ith, non tiñan aínda unha pretensión concreta, unha concepción de conxunto. Pero cando escribo Noite de cloroformo e Ovos de serpe, si me dou conta de que podo construír un libro no que ofreza esa perspectiva, que, por outra banda, non é máis que a realidade que vivimos. Para min que é un libro que olla arredor e que repara no que se agocha nos recunchos da sociedade e iso non é acougante. Velaí están a corrupción, o abuso de menores, a violencia de xénero, a fin dunha cultura e o abandono do rural, todo iso está á nosa beira e é desacougante, aínda que ás veces prefiramos non reparar nas cousas. Nese senso quizais sexa algo inevitable pero procurado.

-¿No ton do conxunto dos relatos hai unha intención máis testemuñal que reivindicativa?

-Digamos que a reivindicación vai implícita. A intención é contar a vida e si é certo que hai moito de testemuña. Xa dende o primeiro relato, no que se narra a descuberta por un grupo de adolescentes da violencia criminal da guerra coma un xogo, ata o último no que o azar ten un papel determinante, a intención testemuñal é real. Sucede que cruzado un determinado limiar de idade, un olla para atrás e comproba que hai moita literatura no que levamos vivido, que a literatura, dalgún xeito, podemos ser nós mesmos. Non é só xa a certeza de sempre de que emprestamos cousas nosas ao que escribimos, senón que nós podemos ser o que escribimos e iso sen que todo o que se conta no libro sexa real, pero si hai sempre, como na vida, un territorio difuso entre o real e o imaxinario, un golpe de azar ou de fantasía que fai máis real o real.

-Os seus lectores máis asiduos recoñecerán alusións a obras anteriores e algunhas circunstancias procedentes da historia de Ourense.

-Hai unha conexión real entre algúns destes relatos e outras obras anteriores, en particular coas novelas: O bosque das antas, Tempo de Crepúsculo e Sombras no labirinto. Aínda entre os relatos hai fíos pouco visibles pero que conectan entre si a algúns. Ourense forma parte do libro como territorio literario persoal que é. Son varios os relatos que se sitúan na cidade ou nos arredores. O que menos me interesa é que alguén determine que unha das historias responde a un momento histórico determinado, que a identifique como real. O que me importa é a historia e o que conta, Por exemplo, ese caso de abuso sexual por parte dun membro da igrexa, pode suceder en Ourense ou en calquera outro lugar, pero responde a un feito que sucedeu e sucede na nosa sociedade, algo sórdido, que aínda se oculta, algo sobre o que a sociedade aínda non é quen de exercer a súa xustiza civil.

-Dúas circunstancias comúns do libro son a realidade e estar escrito dende o presente.

-Si é un libro sobre a realidade, sobre o seu reflectir, sobre as súas sombras e, se cadra, tamén pode ser considerado realista, pero para min que se afasta do realismo, tal e como o entendemos habitualmente, polo xeito de narrar, polas perspectivas múltiples, pola maneira na que se constrúe o monólogo interior. Para min que sempre estamos a escribir sobre a realidade. Sempre hai unha lectura metafórica, sempre o escritor actúa coma espello do que o rodea, aínda cando pretende ignoralo. Nese senso o escritor non pode evitar ser un cronista do seu tempo.

-¿A intención do libro é tamén lembrarlle ao lector que hai que continuar a pesar das circunstancias?

-Iso está no título. Hai que seguir bailando, hai que seguir para adiante, xa que ese é o espírito que nos permitiu chegar ata aquí e contar, ler e compartir o que contamos, lemos e compartimos. Esa é tamén a riqueza, o que fai da vida o valor único e irrenunciable que é. Hai a reivindicación de que por riba das grandes palabras, por riba das corporacións, por riba dos valores escritos en cartas fundacionais, en constitucións e libros relixiosos, está o home, pequerrecho e ao tempo , cos seus valores, co ben que leva dentro, ben do que ás veces non é consciente, que ás veces o coloca en situación de risco, pero que fai sen que lle importe.