A Escola de Arte Dramática e Galaxia únense na edición de clásicos teatrais en galego

B.R.S.

CULTURA

19 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A editorial Galaxia presentou onte en Vigo o nacemento dunha unha nova colección de textos teatrais universais traducidos ao galego que se inicia con tres volúmenes: un dedicado a Albert Camus que inclúe Calígula e O malentendido ; outro de Eugene O'Neill ( A Electra acáelle o loito ) e un terceiro con tres pezas de Juan Mayorga.

A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de FP e Ensinanzas Especiais. Según explicou o director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, «aínda que o teatro é un territorio difícil para o sector editorial é un proxecto necesario que repercute no proceso de maduración da cultura galega e é posible gracias ao apoio estratéxico das institucións». Neste sentido lamentou non poder continuar traballando en proxectos xa madurados coa secretaria xeral de política lingüística en funcións, Marisol López Martínez, e expresou a súa confianza en que «os que veñan detrás entendan que aquí hai un patrimonio que hai que cuidar».

Pola súa banda, López lembrou que sempre traballaron co obxectivo fundamental de ampliar os espazos de uso do galego e tamén amosou a esperanza de que os novos responsables deste departamento sigan apoiando «esta iniciativa e outras que estan a desenvolverse porque a cultura e a língua, unha riqueza de todos, están por enriba da identificación cunha ideoloxía determinada». Na presentación tamén participou o director da Escola Superior de Arte Dramática, Manuel F. Vieites, que manifestou que este proxecto editorial «é unha útil ferramenta para os autores que senta as bases para construir un teatro galego de calidade».

A colección recolle aos grandes autores e obras fundamentais do teatro contemporáneo traducidos por primeira vez e acompañados dun estudo introdutorio realizado por especialistas. Os próximos títulos estarán dedicados a Sarah Kane, Caryl Churchill e Jean Genet.