Os editores galegos rexeitan os datos do INE, que se reafirma neles

Camilo Franco

CULTURA

A Asociación Galega de Editores presentará en abril o primeiro estudo sobre o mercado ?do libro en Galicia

18 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Para o presidente dos editores galegos, Alfonso García Sanmartín, que en Galicia se editasen máis de cinco millóns de exemplares de libros durante o 2008 «sería unha estupenda noticia se fose certa». O Instituto Nacional de Estadística deu a coñecer o seu informe do sector editorial, no que Galicia medraba un 60% en número de exemplares entre o 2007 e o 2008, unhas cifras que os editores consideran inexactas.

No Instituto Nacional de Estadística aseguran que os datos son correctos e que proceden dos que manexa o Ministerio de Cultura no seu departamento do libro. Mentres o ministerio explica que hai dúas estatísticas do libro con diferentes fontes e resultados, o INE asegura que segue o mesmo procedemento doutros anos, un procedemento que desde os setenta asume as recomendacións da Unesco para as cifras editoriais.

Ao número total de exemplares editados en Galicia (tanto en galego como en castelán) os editores apoñen outras cifras procedentes tamén dos rexistros do Ministerio de Cultura. Son os datos de títulos publicados ao longo do 2008. Segundo os datos do ISBN, o número de títulos editados en Galicia en calquera idioma durante o ano pasado foi de 3.033 mentres que no exercicio anterior, 2007, a cifra chegaba ata os 3.376. Os editores consideran que dificilmente pode aumentar o número de exemplares vendidos se o volume de títulos se reduce en case un 10% durante o mesmo ano. Os editores explican tamén que as tiradas non creceron para xustificar ese incremento no número de exemplares que sinala o INE. Estes mesmos datos recoñecen que a tirada media dos títulos en España reduciuse en case 150 exemplares nos dous últimos anos.

Os números do INE e os do ISBN tampouco coinciden á hora de rexistrar o número de títulos publicados en Galicia, aínda que desde o Instituto reafirman a validez dos seus datos.

Para García Sanmartín, todas as cifras do libro van á baixa nos últimos anos. «Por parte dos editores galegos, xa nos gustaría que se cambiase a tendencia, pero os nosos datos non din iso que indican as cifras de Estadística». A Asociación Galega de Editores ten ultimado un estudo sobre o mercado interior do libro en Galicia con resultados que «non son tan optimistas como os que ofrece o INE».

As contas de Estadística sinalan que Galicia pasou de 3.242.000 exemplares editados no 2007 a 5.240.000 durante o ano pasado. Para o director de Xerais, Manuel Bragado, a cifra resulta «algo difícil de crer, porque aínda que admitamos algún crecemento no número de exemplares dos libros destinados ao ensino, ese crecemento non pode ser do 60%, que é unha cifra cando menos sorprendente».

Segundo Bragado, é posible que «este ano se producise unha medra no número total de libros editados en Galicia porque durante o 2008 editáronse os libros para oito cursos, tres da infantil do segundo ciclo, 3.º e 4.º de primaria, 2.º e 4.º de ESO e 1.º de bacharelato». O director de Xerais explica que co actual modelo de gratuidade «estas tiradas fanse para catro anos e poden variar os números», pero descarta que o volume medrase tanto. Outro factor de dúbida é a inclusión no mesmo apartado de libros e folletos. O INE ofrece unha categoría única, aínda que permite o desglose. Para o editores este podería ser un factor de distorsión, pero nos rexistros deste ano, e aínda sen contar os folletos, o número de exemplares medra de maneira salientable sobre anos anteriores.

No desglose particular de libros e folletos, o crecemento de ambos é grande. O número de exemplares de libros publicados é 4.192.000, e o de exemplares de folletos, 1.048.000, uns datos que non explican a que se debe o incremento que rexistra o INE.