Pancho Casal: «Ninguén paga polo que pode conseguir gratis»

La Voz

CULTURA

08 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Pancho Casal, responsable de Continental, asegura que a distribución dixital é «inevitable, pero aínda ofrece moitos problemas desde o punto de vista económico». A produtora está asociada a un portal de distribución, pero, segundo Casal, «non é rendible economicamente porque a piratería é moi grande e ninguén paga polo que pode conseguir gratis aínda que sexa en peores condicións». Cre que se necesita unha lexislación diferente e que na actual situación «só están facendo cartos as operadoras de telefonía e ADSL».

Para o produtor, o mercado dixital vai cambiar moitas máis cousas que «o mercado directo cos usuarios ou espectadores». Por unha banda, sinala o responsable de Continental que se «vai atomizar moito o mercado», e por outra, as vendas de produtoras a canles televisivas tamén van cambiar. Casal sinala que «as canles de calquera lugar do mundo poderán mercar sen necesidade de feiras e comprando produto finalizado».

Pero esta situación tamén obrigará a un cambio de financiación porque, segundo Casal, «desaparecerán as precompras e as produtoras terán que afrontar por si mesmas a financiación previa das pezas».