A literatura sobre os conflitos nas aulas é un éxito de vendas en Galicia


Dous libros franceses sobre os conflitos nas aulas chegaron aos primeiros lugares das listas de vendas en galego, esgotando a primeira edición un mes despois de teren sido publicados. A clase, de Françoise Bégaudeau, e Mal de escola, de Daniel Pennac, os dous editados por Xerais, rivalizan en contar desde perspectivas diferentes problemas que vive a escola nun presente de incertezas e cambios.

Ademais de coincidir na procedencia, na editorial e no argumento, os dous libros coinciden nos seus tradutores ao galego. Xavier Senín e Isabel Soto asumiron en conxunto a tradución destes dous libros nos que, de primeira, coinciden nas distancias que os separan. Mentres que Senín asegura que son libros de «xéneros ben diferentes» para Soto A clase é un libro «máis descritivo pero que, na práctica, só ofrece o punto de vista do profesor». Mal de escola , segundo a tradutora, é máis «didáctico, máis bonito e máis equilibrado porque conta a historia desde o punto de vista do profesor que é pero tamén contando o mal alumno que foi, neste sentido é máis comprensivo coa circunstancia dos alumnos».

Para Xavier Senín o interese que esperta nos lectores tanto un libro como outro ten que ver máis coas circunstancias que se viven arredor da escola que con outros argumentos. No caso do libro de Bégaudeau, Senín considera que o arrastre da multipremiada película realizada sobre o libro «non pode ter moita importancia porque foi estreada de maneira limitada». Para Senín un dos motores desta atracción pode ser «a inquietude que hai no profesorado, especialmente no máis novo, polas situacións que se dan nas aulas». Neste sentido apunta que «agora os rapaces chegan máis novos aos centros de secundaria e iso tamén cambiou algunhas actitudes nas clases». Para Xavier Senín as circunstancias que describe A clase «non son extrapolables a Galicia porque aquí non se dan os problemas de inmigración que ten Francia nestes momentos». Engade o profesor e tradutor que quizais «en Madrid ou Barcelona haxa situacións similares, pero en Galicia pode que se dean a futuro».

Para un profesor e escritor veterano como Agustín Fernández Paz é fácil «entender a fascinación que pode exercer o que sucede nas aulas a quen non as coñece de cerca». «Pero vin -engade- a película do libro de Bégaudeu e vin circunstancias que se dan a diario nas clases, mesmo me pareceu por momentos que o profesor tiña menos recursos dos que os profesores con experiencia adoitan ter habitualmente en Galicia».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

A literatura sobre os conflitos nas aulas é un éxito de vendas en Galicia