«A literatura galega é o único territorio independente»

Jorge Lamas Dono

CULTURA

06 feb 2009 . Actualizado a las 13:40 h.

Xosé Luís Méndez Ferrín recibe esta noite en Vigo unha homenaxe con motivo do seu 70.º aniversario. O escritor recibirá como agasallo o libro feito por sesenta escritores, amigos e intelectuais A semente da nación soñada. Homenaxe a X.?L. Méndez Ferrín , coeditado por Sotelo Blanco e Xerais.

-¿Como recibe a homenaxe?

-É un ritual que se fai cando nos xubilamos. Celébroo con naturalidade e agradecemento.

-¿Unha homenaxe sirve para botar a ollada atrás?

-Si, para botar a mirada atrás e ver as transformación que houbo durante unha vida. Está ben mirar atrás de cando en vez para estar seguros.

-¿E vostede que ve?

-Vexo o que ocorreu ao meu redor dende que teño uso de razón. Un longo período de franquismo, unha decepcionante monarquía, un réxime autonómico insuficiente e, dende logo, un mundo moito máis fermoso e habitable que cando era un rapaz.

-«A semente da nación soñada» é o título do libro que lle dedican con motivo desta homenaxe. ¿Gústalle o título?

-Si, é un título literario bonito. Eu son nacionalista, polo tanto está perfectamente buscado. Se lle colocamos este título a un libro de Aznar xa estariamos falando doutra nación, aínda que o título seguiría a ser bonito.

-¿Queda moito para acadar esa nación soñada por vostede?

-Sempre está en período de construción; como din os ingleses, é un traballo que está facéndose. Naturalmente que queda moito, aínda que cando era neno Galicia non existía dende o punto de vista administrativo, eran catro provincias. Si existía na cultura, na vida e na mente das persoas. Pasou de novo a existir, Galicia e o seu idioma, aínda que hai a quen lle molesta, pero eses terán que soportalo porque Galicia existe e o seu idioma existe.

-Dicía Alonso Montero que a sociedade tiña ditado sentenza de morte para o idioma galego. ¿Vostede que pensa?

-Pois que estará moi de acordo Gloria Lago [presidenta de Galicia Bilingüe]. Dende logo, hai xente que se está a mobilizar para que ocorra iso, pero non o van conseguir. Existen outras forzas contrarias máis competentes, e non vai ocorrer.

-¿Cando decidiu que quería ser escritor?

-Non sei, debía de ser de moi pequeno. De todas as maneiras non me considero un escritor, eu son un profesor de instituto que, como outros moitos, escribe.