«É importante coñecer o que pensan de nós fóra de Galicia»

CULTURA

Alvarellos vén de reeditar a enquisa mundial sobre a lingua e a cultura galegas feita polo catedrático emérito en 1974, obra pioneira da sociolingüística do país

19 ene 2009 . Actualizado a las 11:19 h.

No ano 1974, a editorial Akal publicaba unha das obras fundamentais da sociolingüística galega. Era a Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas , un traballo asinado por Xesús Alonso Montero, que agora vén de reeditar, en formato facsímile, Alvarellos Editora. O profesor galego formulaba unha serie de preguntas sobre a realidade galega a figuras como Alfonso Sastre, Dámaso Alonso ou Salvador Espriu.

-¿Cal era o sentido da enquisa?

-Naquel momento, antes da morte de Franco, había en Galicia unha intelectualidade efervescente, e unha preocupación polo futuro do idioma porque os seus problemas eran grandes. Pensei que era importante preguntarlles aos demais que sabían e que opinaban de nós. Cando un pretende facer algo nunha colectividade, é importante saber como o perciben os de fóra. Contestou xente de Estados Unidos, Porto Rico, Europa, pero sobre todo de España, persoas que daquela estaban claramente no antifranquismo, algunhas no marxismo, e ata contestou o fascista Ernesto Jiménez Caballero.

-Non era a primeira vez que tentaba buscar a mirada exterior que se ten de Galicia.

-Debe haber algo en min que me leva moitas veces a elo. Un ano antes, tiña publicado un libro, xa esgotado, Galicia vista por los no gallegos , porque de un país está ben saber a visión que nós temos del, pero tamén é importante coñecer o que pensan de nós fóra de Galicia.

-¿Sorprendeulle o resultado da enquisa?

-Sorprendeume que contestaran só 36 das 200 enquisas que mandamos. Akal era unha editorial entón con poucos medios, e algunhas direccións quizais estivesen trabucadas. Nas respostas houbo moita comprensión co fenómeno galego. Algúns saben do que falan, e outros, percíbeno. Nese sentido foi moi confortador ver a comprensión que había cara a lingua e a cultura galega, unha comprensión que hoxe non habería. No prólogo da reedición fago referencia ás declaracións de Steiner, que deron lugar a moita polémica. Steiner, sendo tan sabio, fala en Cataluña, onde lle traduciron un libro, pero debería ter sido máis cauto. Se eu non sei de algo, calaría, e antes de falar preguntaría. Entón, os que responderon demostraron que sabían máis que Steiner, ou os que non sabían foron o suficientemente prudentes para non abdicar da súa condición de intelectuais.

-¿Foron premonitorias as respostas acadadas?

-O que foi premonitorio foi o meu libro anterior, Informe dramático sobre la lengua gallega . Pese a que se produciron unhas circunstancias que eu consideraba necesarias para que o galego non morrera, como a cooficialidade, cada vez se fala menos. Hai moito tempo que a sociedade galega ditou a sentenza de morte para o galego porque non hai un compromiso coa lingua. Entre outras cousas porque dos tres partidos maioritarios, só un, o máis pequeno deles, está comprometido, aínda que é un compromiso pouco intelixente xa que en Galicia habería que andar con máis coidado e ser máis persuasivos porque isto non é Cataluña.