«O mercado é limitado e necesita diversificación»
O presidente dos dobradores considera que quedan moitos aspectos nos que ampliar a presenza do seu colectivo e asegura que hai espazos nos que é necesaria a dobraxe. Diversificar a presenza do galego en produtos audiovisuais e a creación dun servizo institucional de dobraxe son algunhas das propostas deste colectivo para o futuro do sector.
-¿O mercado para dobraxe é limitado?
-O mercado é limitado na medida en que o sector está sen diversificar. Os actores e as actrices galegas podemos dobrar en galego e castelán, e podemos dobrar tele, cine, vídeo, DVD, videoxogos, publicidade, videolibros, produtos para a Rede... e tódolos soportes posibles que o mercado teña nestes momentos ou poida ter no futuro, pero necesitamos que o empresariado aposte por expandirse.
-Teñen falado vostedes de intrusismo no seu traballo.
-A palabra intrusismo está mal empregada e non existe como tal xa que non hai un ensino regrado nin unha titulación oficial para acceder ao sector. O que existe é competencia desleal, é dicir, traballar fóra da legalidade cobrando menos do que marca o noso convenio colectivo. O director da CRTVG comprometeuse hai uns días nunha comparecencia no Parlamento a que a partires do ano que vén a continuade dos contratos coas produtoras de dobraxe estará ligada o cumprimento do convenio do sector por parte destas. A existencia da asociación no evita esta situación xa que é un acordo entre determinados estudios e determinados actores (por desgraza bastantes, polo que ao final perdemos todos). Apradoga ten dúas razóns de ser fundamentais: a defensa decidida da nosa lingua e a defensa decidida da legalidade vixente.
-¿É moi inestable o traballo no seu sector?
-A inestabilidade no sector artístico é inherente á actividade; actores e actrices de televisión, cine, teatro e dobraxe convivimos cos vaivéns do audiovisual, as épocas de máis ou menos traballo sempre existiron. No caso da dobraxe en Galicia, ao depender tanto de TVG, atopámonos con que o criterio de reparto do traballo, ou o de programación, pode supoñer unha avalancha durante uns meses e ausencia case total outros; o que, dende o noso punto de vista, repercute en detrimento da calidade. Moitos actores compatibilizan a dobraxe con outras actividades artísticas, co teatro ou co cine, e algúns con outras fóra do ámbito artístico.