Muriel Barbery, unha escritora nada en Casablanca (Marrocos) en 1969, ten sido a revelación literaria en Francia coa súa segunda novela, que agora chega ao galego en tradución de Marís Dolores Torres París co título de A elegancia do ourizo (Galaxia). A súa tenrura e orixinalidade valéronlle o premio dos libreiros franceses, o recoñecemento da crítica e o cariño do público, que a colocou entre as obras máis vendidas ao longo deste ano. A elegancia do ourizo conta a historia da porteira dun edificio da burguesía parisina e dunha rapaza de doce anos que teñen en común a súa vida solitaria, os esforzos por vencer a desesperanza e as súas cualidades pouco comúns descoñecidas polos ricos vaidosos que moran na súa veciñanza.
Renée, a porteira do número 7 da rúa Grenelle, leva moito tempo finxindo ser unha muller corrente. É viúva, cativa e laida. E ninguén sospeita da súa extraordinaria cultura. Paloma ten doce anos e tamén oculta unha gran intelixencia. Ambas levan unha vida solitaria deica a chegada ao edificio dun home misterioso que propiciará o encontro. Xuntas irán amosándonos cun sorriso como é posible acadar unha felicidade cimentada na amizade, o amor e a arte.