«Creo que fixen unha especie de thriller sentimental»

CULTURA

12 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Na súa última novela, Xosé Ramón Pena sitúanos na Lisboa de comezos da Segunda Guerra Mundial, unha cidade pobre e gris que a ditadura salazarista tenta ocultar co centileo dos hoteis de luxo e os espectáculos musicais. Aquel panorama de falso ouropel e intrigas internacionais valeulle a Xosé Ramón Pena para titular a súa obra A batalla do paraíso triste (Xerais).

-¿É unha novela de acción?

-Esa é a impresión que teñen outras persoas unha vez que a leron, pero eu creo que é unha especie de thiller sentimental. Quería escribir unha historia, pero non pensaba nunha novela de xénero negro, histórica ou sentimental. É unha historia.

-¿Por que nese momento?

-Sempre me ten chamado a atención o paradoxal que pode ser o destino das persoas. Unha persoa que tivese 60 anos en 1939 e morrese dous anos despois tería a terrible sensación de que o mundo é un desastre. Sen embargo, se chega a 1945 podería ter unha sensación eufórica de que se gañou. É o que aparece na portada da novela, é unha fotografía moi curiosa porque é unha manifestación que se produce en Lisboa cando se enteran de que os aliados gañan a guerra. A xente sae espontaneamente á rúa, con bandeiras portuguesas como se tivesen gañado eles. Son situacións límite nas que as persoas teñen que xogarse todo a unha carta. O amor, o desamor, a traizón, as lealdades... iso sempre me fascinou.

-¿E por que a situou en Lisboa?

-Porque é un territorio ambiguo, onde non hai guerra pero está continuamente presente. A min chamoume a atención a novela do escritor suízo Max Frisch Cartilla militar na que dicía que os suízos traballaban seis días á semana para Hitler e o domingo ían á igrexa rezar para que gañasen os aliados. É un pouco o que pasaba en Lisboa. Logo hai unha historia persoal con Lisboa, que é unha cidade unida á miña vida dende que tiña 19 anos.

-¿O feito de empregar dous narradores é para diferenciar o histórico do ficticio?

-Decidín empregar dous porque o principal, que é o protagonista, non podía ter acceso a unha gran cantidade de datos e a historia quedaría coxa. Ao haber un segundo narrador, que é o historiador, permite completar esa visión. O problema que temos calquera narrador e o punto de vista, e pareceume que o máis axeitado era ese complemento de voces.

-¿É certo que tomou o titulo de Saint-Exúpery?

-Si, facendo a investigación dese período descubrín que Saint-Exúpery estivo en Lisboa antes de partir cara a América. A el chamoulle a atención que Salazar tentase disfrazar a realidade de Portugal coa exposición do mundo portugués, cos cines e hoteis de luxo cando Europa ardía por todas partes. Aínda así a realidade do país era tristísima, e alguén lle dixo que Lisboa era o paraíso, ao que el engadiu que era un paraíso triste. A min pareceume moi axeitado.

-¿Atráelle a historia para construír escenarios literarios?

-Si, moito. Pero non son moi partidario das novelas históricas estritas. Hai o tipo de novela de Marguerite Yourcenar con Memorias de Adriano , unha marabilla que sitúa a historia nun contexto determinado e para de contar, que é o que modestamente eu pretendo. Logo hai a novela histórica na que o principal é a recreación de acontecementos, pero non me interesa.