Máxima difusión
Pola súa banda, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, que acudiu á presentación, anunciou o compromiso do seu departamento de darlle a esta exposición «a máxima difusión posible levándoa o ano que vén por diferentes puntos de Galicia» ademais de impulsar a elaboración dun estudo «que recolla todo este traballo de investigación que se tiña tratado ata a actualidade dun xeito parcial». Bará tamén dixo que esta actividade tense que entender coma unha homenaxe aos editores e aos creadores daqueles tempos, que contra vento e marea conseguiron sacar adiante tantos libros». Como complemento, o xoves da semana próxima, nun acto presentado por Alfonso Zulueta de Haz, Xosé Manuel Dasilva pronunciará unha conferencia co mesmo título que a mostra.
Patrimonio da cultura galega
Zulueta, que lamentou a ausencia de Francisco Fernández del Riego, director da Biblioteca da Fundación e responsable do seu mantemento, lembrou que a Penzol conta cun fondo de varios miles de documentos e a súa biblioteca constitúe a institución privada de máis rico patrimonio documental da historia da cultura galega e do galeguismo. A entidade posúe 43.000 libros, oito coleccións completas de xornais, máis de 2.500 publicacións periódicas, 388 manuscritos, libros dos séculos XVI ao XVIII, 1700 separatas, cen mapas e planos, teses de doutoramento, microfichas, discos, fotografías, casetes, e partituras musicais, ademais dunha ampla colección de folletos varios.