A historia galega en 84 mapas

CULTURA

Dous docentes elaboraron un atlas histórico que interpreta en imaxes a evolución do país, da prehistoria á actualidade

14 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos libros de texto é costume ofrecer a imaxe do territorio galego segundo a conformación actual. As catro provincias de agora valen para os diferentes períodos, desde os tempos do megalitismo á Idade Media, o século XVIII, ou para representar o mapa comarcal vixente. Non obstante, os límites galegos que hoxe coñecemos teñen menos de século e medio, e antes da revolta dos Irmandiños ou da existencia dos reinos máis antigos da Península a dinámica era diferente. Así consta nos libros dos historiadores, aínda que é difícil encontrar visualmente a súa plasmación.

Para conseguir este obxectivo os profesores José Manuel Barbosa e José Manuel Ribeira elaboraron o Atlas histórico da Galiza , que en 84 mapas e 70 textos tenta informar da evolución do país desde os tempos da prehistoria. Barbosa mergullou durante cinco anos en estudos de Emilio González López, Justo Beramendi, Anselmo López Carreira, Florentino Cuevillas, Ramón Villares, Carlos Velasco Souto, Jesús de Juana, Vicente Risco, Luis García Mañá, Pegerto Saavedra, José García Oro, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Carballo, Carvalho Calero, Xoán Bernárdez Vilar, Ramón Menéndez Pidal, Alonso Zamora Vicente, Francisco Calo Lourido, e outros historiadores e investigadores galegos, portugueses e de outros lugares, e elaborou unha proposta que Ribeira, doutor en Belas Artes, con medios informáticos e outras posibilidades, pasou a imaxes. «Quixemos facer un referente visual, que pensamos pode entrar polos ollos con máis forza que o texto, para dar unha imaxe más completa da nosa historia. Non inventamos nada, e o principal obxectivo foi desvendar acontecementos que para moita xente poden estar ocultos, e ofrecer un traballo que axude a recuperarmos a nosa autoestima como pobo», afirma Barbosa, que onte presentou este volume en Compostela.

Os autores están satisfeitos da resposta que ten o libro, que mesmo ocupou os primeiros lugares entre os máis vendidos as últimas semanas. Varios docentes, entre eles algún dos especialistas en que se alicerzou o traballo, xa lles dixeron que o atlas é útil e interesante pola forma como está concibido. «Oxalá que haxa moitas suxestións para que aínda o podamos mellorar máis», afirma Barbosa.