Londres recibiu con curiosidade a noite da música galega

Camilo Franco

CULTURA

06 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha experiencia interesante e unha posibilidade de abrir novos espazos para a música galega. Así valoran a experiencia de tocar en Londres Uxía e Berrogüetto. A noite do martes foi a do protagonismo galego no festival Atlantic Waves.

Para Uxía, o Bush Hall «é un lugar mítico no panorama musical de Londres, un espazo moi agradable para tocar cun público interesado». Para a cantante que presentou en Londres o seu máis recente disco, Eterno navegar, «o repertorio do disco funcionou ben e creo que quedaron sorprendidos por esa aproximación dos ritmos atlánticos como as mornas á música galega».

Xabier Díaz, cantante de Berrogüeto, coincide na valoración de Uxía sobre o ambiente «distendido e cálido» nunha sala «perfectamente acondicionada e cunha programación musical moi variada». Para Díaz, o clima do concerto «non foi de festival, era moito máis tranquilo, máis para escoitar e comentar a música». O cantante sinalou que «tendo en conta a distancia das propostas de Uxía e Berrogüetto, a xente puído facerse unha idea da variedade da música galega».

Segundo os músicos, a sala encheuse dun público cunha parte da colonia galega en Londres e espectadores ingleses, seguidores do festival e fixos da sala na que, noutro tempo, cantaron Amy Winehouse ou R.E.M.

Para Uxía «houbo curiosidade pola proposta que ofrecemos e creo que o concerto ten que valer para abrir novas portas na cidade, porque o concerto foi ben e pode facilitar a presenza doutros músicos galegos en Londres».

Tanto Uxía como Xabier Díaz sinalaron os respectivos bises das dúas formación e que mesmo en momentos do concerto os espectadores decidiron bailar na sala.