A Bienal do Pen Club repasa a situación das literaturas emerxentes vistas desde Europa

La Voz

CULTURA

28 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A primeira das actividades da Bienal do Pen Club sobre literaturas africanas e asiáticas concentrouse en África e repasou as que poden ser consideradas literaturas emerxentes. Segundo o moderador da mesa, o galego Carlos Quiroga, «o concepto de emerxencia está aplicado aquí desde a perspectiva europea porque son literaturas que existen dende hai tempo e están emerxendo para nós».

Justo Bolekia Boleká, de Guinea Ecuatorial, e Wilfrid Miampika, do Congo, son na actualidade profesores en universidade españolas, en Salamanca e Madrid. Fixeron un repaso xenérico das literaturas en África e do crecente protagonismo que están a ter algúns autores do continente nas literaturas europeas por máis que, segundo detallou Quiroga, «hai en todos eles unha elaboración que facilita a comunicación cos lectores europeos».

Joaquim Almeida, de Cabo Verde, explicou máis polo miúdo a situación de Cabo Verde e as tentativas de organizar o crioulo como lingua literaria escrita que, entre outras cousas, topan coas dificultades das variedades desa lingua segundo a que illa correspondan. Neste sentido, os tres autores coincidiron na necesidade dos autores africanos de utilizar as linguas colonizadoras como vehículo, máis necesaria canto máis elaborado quere ser o discurso. O cuarto intervinte foi o galego Manuel Outeiriño, quen se referiu á resistencia da cultura popular.

A xornada de hoxe estará adicada á inmigración literaria e tamén á actualidade da poesía contemporánea en Hindi e en Malayalam. Un espectáculo de danza Bhatki pechará a xornada.