«É unha extraña novela», di do seu libro o gañador do Torrente

R. García

CULTURA

Pacho Blanco presentou a obra que é «unha metáfora da vida», según Freixanes

14 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha metáfora da vida. Este é o contido de A choiva do mundo (Galaxia) a novela coa que Xosé M. Pacho Blanco (Ourense, 1974) gañou o premio Torrente Ballester do ano pasado, convocado pola Diputación provincial da Coruña. Esa idea da metáfora da vida foi exposta onte por Víctor Freixanes e corroborouna o autor na presentación deste novo libro.

O escritor falou da súa «extraña novela ou novela deconstruída, como queiran» e indicou que o protaganista é un editor que vai facendo «unha escolma de textos vencellados á vida» nos que se poden atopar todos os xéneros literarios, desde novela a microrrelatos pasando por monólogos, textos poéticos, guións cinematográficos ou pezas teatrais. Todo isto fixo que, tal e como lembrou Salvador Fernández Moreda, o xurado decidira no seu día, por unanimidade, concederlle o premio a esta obra entre as 300 presentadas. O galardón está dotado con 25.000 euros e a publicación da obra gañadora e, según Moreda, xa están traballando na edición deste ano da que se dará a coñecer a obra gañadora a mediados de novembro.

Freixanes lembrou que Xosé M. Pacho Blanco é un novo escritor, que presenta a súa primeira novela e «xa se sabe que os editores facemos festa cada vez que aparece unha nova voz, porque significa que a literatura medra, que se crean novas voces». O editor falou tamén do Torrente (que el gañou no ano 1993 con A cidade dos césares) como un premio no que compiten obras en galego e en castelán «e vai caendo para un lado ou para outro». Na súa opinión, a novela de Pacho Blanco (abogado, profesor da Universidade de Vigo e colaborador da Fundación Vicente Risco) encaixa nas intencións dun premio que busca por unha banda descubrir novos autores e por outro novas formas de narrar; neste senso, afirmou que o escritor ourensán fixo unha «novela postmoderna, unha novela feita de pequenas nadas, como diría o poeta, que presenta un mundo percibido fragmentariamente».