A Fundación Carlos Casares analizou as perspectivas de futuro de Latinoamérica, en Mondariz-Balneario

CULTURA

26 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Por segundo ano consecutivo, os Encontros de Mondariz-Balneario, que organiza a Fundación Carlos Casares dende hai seis anos, centraron os seus debates e conferencias nas perspectivas de futuro en Latinoamérica. Nesta ocasión, a derradeira vez na que se aborda esta cuestión, o tema foi tratado dende unha dobre perspectiva. Por unha banda, analizando a evolución e a influencia dos exércitos na política, e, pola outra, afondando nas estruturas económicas deste continente.

A primeira parte foi amplamente tratada polo sociólogo Jorge Verstrynge, e os xenerais Juan Emilio Cheyre, de Chile, e Javier Alonso Carrión, de Nicaragua, na primeira xornada. O ex secretario xeral de Alianza Popular definiu a súa teoría da guerra asimétrica, un concepto de gran calado nas estratexias defensivas de Venezuela.

Juan Emilio Cheyre describiu o proceso de democratización do Exército chileno da década dos noventa, e, especialmente nos primeiros anos do século XXI, cando el foi nomeado comandante en xefe do Exército chileno, cargo que poucos anos antes detentara Augusto Pinochet.

A intervención do xeneral Javier Carrión abordou o papel dos exércitos na política latinoamericana, así como a relación entre o Exército nicaraguano e a sociedade civil. Así mesmo, chamou a atención sobre a necesidade de construír un estado-nación no que converxan todos os nicaraguanos, sen distinción de credos políticos ou ideoloxías.

A ausencia do sociólogo José Vidal Beneyto, motivada por un problema de saúde, foi resolta por un faladoiro no que participaron Juan Emilio Cheyre (ex-xeneral en xefe chileno), Javier Alonso Carrión (ex xeneral en xefe nicaraguano), Luis Otero (coronel da ex Unión Militar Democrática), Martíns Guerreiro (almirante portugués), Miguel Fernández (almirante español) e Gimbernat (coronel de Estado Maior, ex UMD).

Economía

O apartado dedicado á economía foi iniciado por Pedro Puy Fraga, profesor de Economía Política da USC e actual conselleiro de Contas de Galicia, que analizou o paradigma da economía institucional, facendo fincapé na necesidade de marcos constitucionais de referencia que impulsen o desenvolvemento económico. Pola súa banda, Iván de la Nuez, escritor cubano e director da Virreina-Centre de la Imatge de Barcelona, detívose na análise pormenorizada da potencia «miticoicónica» do Che Guevara e a función dos intelectuais europeos na defensa da revolución cubana. Dedicou especial atención á figura de Jean-Paul Sartre.

Onte, na derradeira xornada, o economista Xosé Carlos Arias afondou nas posibilidades de Latinoamérica fronte á economía global, mentres que o xornalista peruano Luis Esteban González fixo un percorrido histórico polo nacionalismo e o marxismo no continente americano.

Os Encontros abordan anualmente na vila termal diferentes temas internacionais, aos que asisten destacados expertos de todo o mundo.