O Premio González Garcés cambia de mans tras unha impugnación

CULTURA

24 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

¿Que se entende por texto inédito? Esta cuestión, mesturada coas novas tecnoloxías, está detrás do cambio de gañador do Premio de Poesía Miguel González Garcés deste ano. O xurado tivo en conta unha reclamación presentada por Xavier Lama López (Guntín, 1962). Este escritor e xornalista é o novo gañador do premio que o pasado 27 de maio fora concedido ao poemario titulado Construcións, de Eduardo Ezequiel Estévez Nicolano (Buenos Aires, 1969). Aínda que no fallo inicial do xurado non se deu a coñecer o seu nome, a obra de Lama Cabalos do alén na cidade das fábulas quedou finalista entre os 55 orixinais presentados a un galardón dotado con 6.500 euros e a publicación da obra.

Tres días despois da decisión do xurado, o 30 de maio, Xavier Lama presentou un escrito no rexistro da Deputación Provincial da Coruña, entidade que convoca este premio, pedindo a anulación do fallo «por incumprimento das bases da convocatoria» e a concesión do galardón á obra finalista, da que recoñecía ser o seu autor.

Lama apuntaba que a obra gañadora non cumpría os requisitos de ser inédita e do anonimato do autor, que figuran nas bases do premio, xa que parte dos versos, así como o nome do poeta, levaban tempo aparecendo no blog titulado En construción.

A mediados de xuño, Eduardo Estévez presentou un amplo escrito de alegacións elaborado, segundo indicou, polo poeta e procurador dos tribunais Xulio L. Valcárcel. O primeiro dos argumentos é que os fallos dos certames literarios «son de carácter inapelable. Isto é así por lóxica, por coherencia e por sentido común». Sobre a obra inédita indica que o blog leva como subtítulo «bitácora da construción dun libro de poemas» e o que se publicou no mesmo non foi unha obra completa senón «unha descrición do proceso de produción da obra», un relato que abandonou o día 1 de maio de 2006 e un mes despois «déixase constancia dun período de reflexións sobre os textos e posteriomente (o 25 de agosto) infórmase de que a obra sufriu moitas correccións».

Estévez fixo pública onte unha longa carta na que defende que a súa obra «é rigorosamente inédita» e remata dicindo: «A actuación do señor Xavier Lama só pretende obter nos despachos o que en boa lide literaria non lle fora concedido».

Xavier Lama, que o pasado mes de maio recibiu en Ferrol o Premio Esquío de Poesía por Melancolía líquida da idade das vacas, explicou onte que lle parecía «absolutamente obvio que non era inédito» e «parecíame escandaloso que se premiara unha obra que leva dous anos parcialmente colgada en Internet». Tamén expresou o seu convencemento de que o autor «non era plenamente consciente do carácter da súa transgresión das bases e o xurado seguro que non sabería desa bitácora».

En canto a polémica por esta decisión, considera que é moi positiva «e estou disposto en participar nos debates para que os premios literarios sexan o máis claros posibles»; de feito, apuntou que levaba «oito ou nove anos sen presentarme porque nalgúns premios, non neste, suceden cousas pouco éticas».