Steiner descúlpase dicindo que é «apaixonado defensor das linguas minoritarias»

Insiste en que «os chauvinismos rexionalistas ameazan agora a unidade de España»

 George Steiner
George Steiner

Unha vez que Steiner pediu desculpas sen cambiar de opinión, o ideal é explicarlle a dimensión da cultura galega mediante algunhas recomendacións sinxelas e fáciles, como para facer un cursiño rápido de cultura do país.

Víctor Freixanes

«Tería que coñecer a literatura medieval galega»

«A literatura medieval galega tería que ser coñecida por Steiner porque está no centro da cultura europea. Unha mínima curiosidade intelectual debería levar a Steiner a ter noticias de Cunqueiro, Seoane ou Blanco Amor. Temos que ter en conta que o canon de Steiner é anglosaxón e teriamos que ver se funcionan ben os mecanismos de difusión internacional da nosa cultura».

Ramón Villares

«Daríalle a coñecer o canon dos autores galegos»

«Eu daríalle a coñecer o canon dos autores galegos, desde a lírica medieval, ata Cunqueiro e tamén a Ferrín ou Manuel Rivas. A Rosalía tería que coñecela porque é unha figura principal do romantismo europeo e penso, galega ou non, que a súa obra xa tiña que ser coñecida por Steiner».

Manuel Bragado

«Hai dous grandes tríos que se deben coñecer»

«Hai dous grandes tríos na cultura galega que non poden pasar desapercibidos para os sabios. Martín Códax, Mendinho e Alfonso X por unha banda, e Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Pondal pola outra. Creo que con estes nomes chega para que unha cultura se teña en consideración».

María do Cebreiro

«Que lea a Cunqueiro e a Xiana Arias»

«Eu proporíalle a lectura de Álvaro Cunqueiro e de Xiana Arias. Os dous así, de épocas diferentes, en conxunto poderían suxerirlle unha lectura de situación da literatura galega».

Xosé Carlos Caneiro

«Debería decatarse do potencial literario de Galicia»

«Eu empezaría polas cantigas, saltaría a Rosalía e logo pasaría a Cunqueiro. Con estas tres recomendacións xa se debería decatar do potencial literario do país. Pero tamén poderiamos saírnos da literatura. Eu tamén lle recomendaría toda a música folk que se está facendo en Galicia e que é das mellores do panorama internacional».

Mercedes Queixas

«Ofreceríalle un percorrido completo por todos os xéneros»

«Cando alguén lle quere ensinar a alguén unha cultura quizais haxa que ofrecerlle un percorrido. Comezaría polas Cantigas de Amigo, de Martín Códax, pasaría por Follas novas, de Rosalía de Castro. Logo poría Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. Sería necesaria a lectura da obra poética de Manuel María, porque ten unha visión do país pero tamén pode ser unha guía de viaxe. Pasaría ao pensamento crítico de Xurxo Borrazás, os sonetos de Marica Campo ou Herba moura, de Teresa Moure. Tampouco estaría de máis ver a pintura de Urbano Lugrís, a de Luís Seoane ou a escultura de Leiro. Faltaría algo de teatro, pero podería recomendarlle o novo espectáculo de Nova Galega de Danza para completar».

Cesáreo Sánchez Iglesias

«Que visite o país como tantos compatriotas»

«As recomendacións literarias están claras. Eu diríalle que lera os cancioneiros e que se detivese na obra de Rosalía de Castro. Despois creo que Cunqueiro ao completo é unha lectura bastante indicativa da capacidade da nosa literatura. Fóra da literatura eu creo que o mellor sería que visitase o país como fan tantos compatriotas seus. Unha volta por Galicia serviríalle para darse conta dalgunhas cousas. Incluso unha visita a Santiago de Compostela podería valer. A Asociación de Escritores xa se ofreceu como guía para calquera visita que queira facer. A oferta segue en pé».

George Steiner enviou onte ao Pen Clube unha nota de desculpa polas súas palabras nunha entrevista a un diario madrileño que menosprezaba a lingua e a cultura galega. As súas palabras levantaron unha onda de recriminacións por parte de colectivos culturais do país e provocaron tamén unha intensa polémica entre o Pen Clube galego e o autor da entrevista.

Steiner decidiu onte rematar coa polémica pedindo desculpas e lembrando que el era un «apaixonado defensor das linguas e literaturas minoritarias».

Nun comunicado breve remitido polo profesor ao autor da entrevista, redactado en inglés, Steiner asegura que «como demostra o meu libro Después de Babel, son un apaixonado defensor das linguas e literaturas minoritarias. O meu comentario irreflexivo foi unha resposta ao chovinismo rexional que ameaza agora a unidade de España. Pido as miñas máis sinceras desculpas».

A nota de desculpa de George Steiner tampouco deixou por completo resolta a polémica e algúns dos integrantes do mundo cultural galego sinalaban na tarde de onte que a última frase do comunicado é unha maneira de non cambiar de opinión. Na frase final explica que a súa contestación irreflexiva «foi unha resposta ao chovinismo rexional que ameaza agora a unidade de España». Para o dramaturgo e premio nacional Rubén Ruibal «esta frase é a mellor de toda a polémica». Explica Ruibal que «quizais a primeira frase de Steiner na entrevista podía ser entendida como descoñecemento e aínda sendo grave podía ser un erro». Para Ruibal a contestación final do escritor «é outra maneira de non desdicirse».

No mesmo sentido, Xabier Docampo pregúntase se «os galegos ameazamos a unidade de España e os cataláns que tanto admira non», pero explica que é moi difícil dicirlle nada a Steiner porque «fala sempre desde unha altura na que quere facernos ver que o seu coñecemento é superior, non parece que haxa forma de que cambie de punto de vista».

Para Víctor Freixanes está ben que Steiner pida desculpas pero ao tempo pregúntase se as palabras do escritor non están pedindo que «melloremos a presenza internacional da cultura galega». O escritor e editor considera que o «o futuro da nosa cultura está na presenza internacional que consigamos». A crítica literaria Olivia Rodríguez tamén é da opinión de ampliar a presenza internacional do galego «teriamos que ir invitando a máis figuras a que veñan a Galicia para cubrir esas lagoas que poden ter».

O inicio desta polémica foron unha réplica de Steiner nun diario editado en Madrid na que aseguraba que a cultura galega non se podía comparar coa catalana. Na mesma entrevista, o escritor aseguraba que alguén lle contara que na Universidade de Santiago era obrigatorio falar galego e que non tiña sentido, para continuar o seu razoamento asegurando que o catalán merece ser estudado, pero o galego non. As palabras de Steiner foron recibidas recibidas en Galicia como un insulto es as primeiras reaccións foron as do Pen Clube e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. No caso dos primeiros, a polémica derivou nun cruce de acusacións entre o colectivo galego e máis o autor da entrevista, unha polémica derivada á que se sumaron algúns outros integrantes do periódico madrileño.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos

Steiner descúlpase dicindo que é «apaixonado defensor das linguas minoritarias»