A mostra «As nosas palabras» inicia itinerancia en Bilbao

CULTURA

05 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O adro do edificio Ensanche de Bilbao transformouse na noite de onte nun curruncho onde un feixe de galegos, e outros non galegos, botaban unhas parrafadas nas que non faltaba o tempo, xa que unha ameaza de choiva semellante ao orballo poñía ambiente de outono neste remate do verán. Nese adro inaugurábase a exposición As nosas palabras, os nosos mundos, e entre as súas instalacións había un gran paraugas do que penduraban ata vinte xeitos diferentes de referirse á chuvia na nosa lingua (batagada, barrufada, trebón, zarzallo, xistra, carpanta, barrallo...). Para visitar esta mostra multimedia sobre a situación da lingua galega, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, os vascos non precisarán saber galego, xa que poden seguila en éuscaro, un dos sete idiomas nos que se pode percorrer.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, que estivo acompañada na inauguración polo alcalde de Bilbao, Iñaki Azkuna; o viceconselleiro de Política Lingüística, Patxi Baztarrika, e a vicepresidenta do Parlamento, Isabel Celaá, destacou que o plurilingüísmo constitúe un valor na sociedade actual, tanto na perspectiva humana como económica. «É unha aspiración de todas as comunidades de falantes que queiran estar no diálogo internacional. O plurilingüísmo é construír pontes para xerar tránsito de ida e de volta».

En referencia á convivencia entre linguas engadiu que «o galego, como o éuscaro ou o catalán, son linguas con futuro, pero é que son ademais ferramentas para construír ese futuro sen darnos as costas a nós mesmos e, por suposto, da man das outras linguas do noso contorno, que nos facilitarán o diálogo con outras comunidades de falantes».

Outras 25 linguas de todo o mundo están presentes dalgún xeito nesta ambiciosa exposición que trata de difundir o galego dentro da diversidade de linguas do planeta, mellorar a valoración social do galego dentro e fóra de Galicia e contribuír á difusión do plurilingüísmo como garantía dunha boa convivencia global.

Os organizadores queren que a mostra permita facer unha descuberta das linguas do mundo a través dos sentidos e por iso a mesma inclúe 40 minutos de músicas do mundo, máis dunha hora de música en galego desde a Idade Media ata a actualidade, seis pantallas táctiles para consultas multimedia e máis dunha hora de proxeccións relacionadas co cine e a televisión galega. Todo isto sen esquecer ás persoas discapacitadas, para as que existen textos en braille, como lembraba o coordinador da exposición, Anxo Lorenzo.

Entre os datos que aparecen nos catro bloques temáticos da mostra hai algúns curiosos, como que na actualidade a metade das case 7.000 linguas do mundo están perdendo falantes ou que a metade de todos os idiomas fálase en so oito estados: Papúa Nova Guinea, Indonesia, Nixeria, India, México, Camerún, Australia e China.

Bilbao é a primeira cidade de España na que pode verse esta mostra, que xa estivo en Compostela e Vilagarcía. Desde aquí viaxará a Bruxelas e logo poderá verse tanto en Galicia como no resto de España e Bos Aires.