Os escritores critican o descoñecemento do galego de Steiner

Camilo Franco

CULTURA

04 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Se a George Steiner lle preguntaran pola literatura galega, sabería menos que calquera neno de primaria. O erudito desatou a semana pasada as iras da cultura galega ao declarar nunha entrevista publicada por un xornal madrileño que «me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego». Non se detén aí, remacha a opinión asegurando: «¡no me compare al catalán con el gallego! El catalán es un idioma importante, con una literatura impresionante. Pero el gallego ¿por qué ha de ser obligatorio en la universidad?».

Steiner dedicouse á literatura comparada e, por comparación, a literatura e a lingua galega saen moi mal paradas nas opinións de quen pasaba por ser un dos grandes sabios da cultura occidental. O escritor, que acaba de publicar Los libros que nunca he escrito (Siruela) e presume da súa capacidade de escandalizar aos excompañeiros de clases en Cambridge, levantou a tormenta entre os escritores galegos, especialmente no Pen Club, ao que tamén pertenceu.

O escritor Luís González Tosar firmou, xunto con outro compañeiros galegos do Pen, un documento reprochando a ignorancia de Steiner e a pasividade do entrevistador ao non tentar matizar as palabras do escritor. Así, abriuse unha segunda polémica entre o Pen Clube e o autor da entrevista, Juan Cruz, que no fondo serviu para diluír a polémica primeira.

González Tosar asegura que non era intención do Pen «matar ao mensaxeiro» e asegura que a intención era «demostrar a nosa estrañeza porque un home como Cruz non matizara unha declaracións tan bárbaras». Tosar sinala que non se trata de culpabilizar a Cruz porque o «culpable é Steiner».

Tamén a Asociación de Escritores en Lingua Galega fai público o que considera «descoñecemento elevado» e unha «nula gratitude para cos cidadáns dun Estado que un día o premiou (co Príncipe de Asturias da Comunicación)» ao tempo que se ofrece como guía «para coñecer a nosa lingua e a nosa cultura».

Tanto o Pen Clube como a AELG consideran impropio de alguén coa «probada valía intelectual» de Steiner «o desprezo polo que non coñece», un descoñecemento que para os escritores é «temerario».

Para a asociación de escritores, o descoñecemento palmario de Steiner sobre a cultura galega demostra a necesidade da «promoción e ensino internacional da lingua e cultura galegas» e a creación de estruturas nos centros de prestixio.

Luís González Tosar vai un pouco máis alá e fai unha reflexión sobre o porqué da comparación entre Galicia e Cataluña e entre a dimensión de ambas literaturas, situando á segunda na primeira liña mundial e á galega, por omisión, nun lugar sen nome. Para Tosar hai que mirar nas librerías e nas editoriais para entender a actitude de Steiner. O escritor galego asegura que «hai cando menos cinco libros de Steiner publicados en catalán e mesmo este último saíu simultaneamente en catalán e en castelán». En galego non hai libros de Steiner.