Contra Piñeiro vivíamos mellor

Camilo Franco

CULTURA

14 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai días en que non parecemos entender que a ascendencia que ten a xente sobre nós depende bastante máis de nós ca deles. Hai épocas nas que consentimos que determinados persoeiros gañen ese ascendente por non buscar outras circunstancias. Tamén hai momentos en que se acepta esa influencia pola vía de negala rotundamente. Porque cando declaramos a alguén inimigo estámolo colocando moi cerca de nós.? Desculpade que recolla a mesa . Algunhas das incomodidades que causa a memoria de Ramón Piñeiro non foron provocadas por el, senon por esa manía de seguir líderes. A Real Academia decidiu que o 2009 é o momento para repasar as actividades variadas do dono da mesa camilla e agás polo detalle de que é ano electoral e o modelo que propuña Piñeiro aínda está a debate, os debates darán a entender que agora somos máis maduros. Seguramente Piñeiro foi un intelectual dun modelo que quizais non se deba repetir: foi un home con máis influencia que obra. Franco oral . Agora parece que Franco bota auga pola boca. A pesar de estar en Caldas a auga que bota está fría e o manancial non está integrado polos ríos de bágoas que este personaxe provocou. A idea de que Franco permanece entre nós non hai que apoiala en que un artista decida utilizar o careto do ditador como cumio de fonte. A idea de que hai xente que tenta manter con vida a memoria de quen foi feretrista maior queda clara cando proclama a improcedencia de tocar a súa imaxe. Póñense en contra porque se decatan de que exactamente é unha forma de ir vencendo os vellos fantasmas do país.

? Conxuras necias . Acabo de descubrir unha conspiración. Está todo o mundo confabulado para apartar a cultura da festa. A cultura, como todo o resto, non debe estar en mans de especialistas, pero o asunto é que neste país tan inclinado a celebrar festividades, se algo leva apelido cultural xa non ten lugar na festa e se é festivo non pode ser cultural. Por iso Paulo Coelho é unha popstar e Boris Izaguirre é o personaxe ideal para as festas do Apóstolo. Unha das cousas que queda en evidencia nesta conspiración é que a xente non le suficiente. Co festivo que é.