Ramón Piñeiro protagonizará o Día das Letras Galegas do ano 2009

Foi membro fundador de Galaxia, académico da lingua e primeiro presidente do Consello da Cultura


A Real Academia Galega decidiu que, dezaoito anos despois da súa morte, xa é hora de revisar a figura de Ramón Piñeiro. O ensaísta e político será o protagonista do Día das Letras Galegas do ano 2009.

Segundo a Academia Galega, as virtudes de Piñeiro (Láncara, 1915-Santiago, 1990) para esta homenaxe residen na «entrega total e desinteresada a Galicia», terse convertido «nunha referencia moral indiscutible e necesaria para as novas xeracións e na contribución a que o galego se convertese en lingua culta». Tamén salientan dende a RAG o activismo cultural desenvolvido polo autor e a participación nalgunhas das institucións máis coñecidas da cultura do país, desde Galaxia ao Consello da Cultura Galega. Ramón Piñeiro tamén formou parte da RAG desde 1967.

Aínda que a Real Academia Galega destaca o perfil cultural de Ramón Piñeiro como protagonista das Letras Galegas para o ano vindeiro, a súa actividade política, o seu ascendente sobre unha parte do galeguismo e a súa participación directa na vida política galega durante a transición e os primeiros anos da autonomía marcaron unha biografía que levanta controversias e que servirá para os debates durante o próximo ano.

A biografía de Ramón Piñeiro está directamente ligada a Galaxia, editorial da que foi membro fundador e a unha grande parte das súas actividades, entre elas a revista Grial . A editora, que foi este venres significada coa Medalla de Ouro de Galicia, foi unha das institucións centrais na estratexia de recuperación da cultura galega durante a ditadura franquista. O seu actual director xeral, Víctor Freixanes, asegurou onte que Piñeiro foi «unha figura esencial da cultura do país e o adicarlle o Día das Letras Galegas servirá para revisar a súa obra e tamén para animar os debates arredor da súa figura».

Para o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, «un dos detalles singulares desta designación é que por primeira vez alguén que foi presidente do Consello é o homenaxeado nas Letras Galegas, así que institucionalmente xa sería importante para nós». Villares coincide con Freixanes en que a figura de Piñeiro abrirá debates e sinala que «unha vez que pasou o tempo, que a xente xa non está no fragor da batalla daqueles anos, quizais agora poidamos repensar a súa obra e a súa actividade e chegar a conclusións».

Tamén coinciden ambos académicos en que a elección de Ramón Piñeiro ten máis que ver co seu carácter de «activista cultural e coa súa influencia» que coa súa produción como escritor en termos convencionais. Aínda que sinalan que o Día das Letras servirá para dar a coñecer «unha obra ensaística que merece ser tida en conta e que quizais quedou en segundo plano fronte á súa figura política», segundo explicou Villares.

Alfredo Conde, que coincidiu con Piñeiro no primeiro Parlamento de Galicia como deputados independentes integrados no PSdG-PSOE asegura que «eu son dos que me alegro con esta designación».

Para o escritor, a celebración das Letras Galegas con Piñeiro como protagonista «non será a primeira que levante polémica, pero eu creo que o debate é mellor que a aquiescencia». Conde asegura que hai «moito do que falar sobre Piñeiro» e considera que é un momento bo para facelo.

Conde quere facer tamén unha valoración política dese protagonismo que terá Piñeiro case desde xa e ao longo do ano vindeiro. Para a autor de María das Batallas «se a designación de Piñeiro serve para debater sobre o galeguismo, entón moito máis benvida sexa».

Tamén considera o escritor que «se serve para reabrir un camiño galeguista utilizado uns anos e que logo se estreitou polo abandono, entón esta decisión sería, ao meu modo de ver, máis importante aínda».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
41 votos

Ramón Piñeiro protagonizará o Día das Letras Galegas do ano 2009