Unha editorial balear traduce «Maus» ao galego

CULTURA

A reverenciada novela gráfica de Art Spiegelman estará nas bibliotecas públicas

28 jun 2008 . Actualizado a las 02:21 h.

Ata agora, Maus é a única novela gráfica (a única banda deseñada, se o prefiren), que acadou un premio Pulitzer. Gañouno en 1992, doce anos despois de que Art Spiegelman comezase a súa publicación na revista norteamericana Raw. Xa entón era un personaxe relevante no mundo da ilustración e do cómic, pero a irrupción da memoria gráfica da súa familia, formada por xudeus polacos que viviron en primeira persoa o espanto do Holocausto, converteuno nunha referencia na arte de narrar unha historia en viñetas.

Maus, traducido a decenas de linguas dende a súa aparición, xa está en galego. A editorial balear Inrevés, que puxo no mercado a edición en catalán e prepara a versión en éuscaro, tardou un ano en completar a tradución -feita por Diego García- e presentou a obra hai pouco en Santiago e A Coruña.

A obra de Spiegelman sae en galego cunha primeira tirada de mil exemplares «aunque no habrá problema para hacer más ediciones si es preciso», explica Sebastià Marí, un dos responsables da editorial, que comparte cos artistas Max e Pere Joan. A editorial Inrevés ten xa moi adiantado un acordo coa Xunta para que o volume de Spiegelman chegue á maior parte das bibliotecas públicas galegas, incluso ás dun bo número de centros de secundaria. Inrevés ten previsto tamén desenvolver unha guía didáctica para educadores destinada ao uso desta banda deseñada en contidos educativos, edición que xa fixo en catalán.

¿Como se explica que unha editorial balear sexa a que leve ao galego esta obra? «Nosotros teníamos los derechos en catalán -conta Marí- y nos fue tan bien que pensamos en traducirla al gallego y al euskera. Se lo propusimos a Spiegelman y no hubo ningún problema».

A odisea de Vladek

Maus é a historia de Vladek Spiegelman, o pai do autor, un xudeu polaco envolto pola ascensión do nazismo e sobrevivinte de Auschwitz. É tamén a historia do propio Spiegelman, da tempestuosa relación co seu pai e a memoria do seu pobo, nun exercicio de sinceridade conmovedor que fai que o lector quede encadeado ao relato na primeira ollada. A renovación coa que o autor aborda a narración, convertendo aos xudeus en ratos e aos nazis en gatos, por exemplo, enriquece un tema profusamente tratado en todo tipo de soportes. O talento de Spiegelman, sen embargo, consegue emocionar como se fose a primeira noticia que tivésemos do Holocausto, en boa medida porque o fío argumental viaxa do pasado ao presente, no que o pai, do que o autor fai un retrato sen concesións, vai lembrando o seu pasado que é, ao mesmo tempo, o do propio Art Spiegelman.