«Non todas as aventuras de rapaces teñen que ter magos»

«Xenaro e o misterio da mochilota verde» é unha historia «sinxela»


Mar Guerra debuta na literatura galega e na infantil gañando o Merlín, organizado por Xerais e fallado a pasada semana. Unha circunstancia que reforza a Xenaro e o misterio da mochilota verde , unha «historia sinxela» escrita para explicar aos cativos algúns valores que agora non son os que máis se fomentan.

-¿Gañar o Merlín cun primeiro libro e a primeira vez que se presenta é como estrearse ao grande?

-Supoño que o din moitas veces pero para min si que foi unha sorpresa. Non son galega, pero levo aquí máis de quince anos e sempre estiven moi interesada na literatura, especialmente na infantil, así que escribín a historia porque quería escribir sobre algúns valores que quizais agora non se teñan en conta. En realidade, presentar o conto ao premio era unha maneira de ver como era recibido, unha proba ou unha referencia para saber como respondía a xente ante a historia.

-Galicia ten fama de contar con bos autores de literatura infantil e xuvenil. ¿É máis responsabilidade para alguén que debuta?

-Eu sigo a literatura infantil e creo que esa fama é certa. Para min é encontrarse cun premio inesperado e cunhas posibilidades para a difusión que tampouco tiña previstas. Figurar na lista de gañadores do Merlín tamén é algo que está ben.

-Falou vostede dunha historia sinxela para recuperar valores que non se levan.

-Iso tamén forman parte da miña sorpresa. Eu escribín unha historia moi sinxela, centrada nun personaxe que ten algunhas rarezas se o comparamos cos seus compañeiros. Fai cousas que os seus compañeiros de escola non fan, pero tampouco ten poderes. Non todas as aventuras teñen que ter maxia ou magos, ou rapaces que descobren secretos raros. É a historia dun rapaz que gusta de xogar cas palabras e a quen lle gusta desvelar misterios. Pero non son misterios fantásticos, é a curiosidade que lle esperta un rapaz que chega novo ao cole e que usa sempre unha mochila moi grande de cor verde. Tamén é algo diferente con respecto á súa familia porque é o único que ten un nome que se sae da norma familiar.

-¿A chave está no carácter do protagonista, Xenaro?

-É un neno un pouco sabichón, polo tanto é diferente dos seus compañeiros. Non son unhas diferenzas moi marcadas, pero que el conteste facendo xogos cas palabras si que o fan un pouco diferente, que teña máis explicacións para as cousas que suceden ou que teña máis curiosidade polas que pasan tamén o fan distinto aos outros rapaces. Estes non sempre valoran aos seus compañeiros de escola cando son así.

-Máis ben adoita suceder o contrario.

-Digamos que teñen máis éxito os rapaces máis gamberros, os máis aventureiros. Pero neste caso proponse o contrario.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

«Non todas as aventuras de rapaces teñen que ter magos»