A RAG reclama a creación dunha fundación para Álvarez Blázquez

Os académicos fixeron unha semblanza emocionada do autor homenaxeado?este 17 de maio


Xosé María Álvarez Blázquez recibiu onte o homenaxe da Real Academia Galega no Día das Letras Galegas, dedicadas a un persoeiro de brillante traxectoria en numerosos ámbitos da cultura, na cidade na que aínda que non naceu, xa que o fixo en Tui, viviu a meirande parte da súa prolífica vida. A sesión plenaria que a RAG celebrou onte no auditorio do Concello de Vigo contou coa presenza da metade dos seus membros numerarios. Os encargados de lembrar a súa figura foron Darío Xohán Cabana, Víctor Fernández Freixanes e Xosé Luís Méndez Ferrín. O primeiro en tomar a palabra foi Darío Xohán Cabana, que artellou o seu discurso en torno á admiración por Álvarez Blázquez, que foi xefe seu e sen embargo amigo en Edicións Castrelos. O escritor lucense marcou a pauta reivindicativa nun discurso cargado de sentimento pero tamén de demandas. Na súa disertación reclamou a celebración dun congreso multidisciplinar «que infelizmente aínda non se convocou», para abondar na frondosa e poliédrica figura do homenaxeado. «Sería fermoso», dixo, que a Universidade de Vigo convocase un acto no que participasen estudosos, editores, historiadores, escritores, xornalistas ou filatélicos», facetas, todas elas, e máis, nas que destacou Xosé María Álvarez Blázquez.

Darío Xohán Cabana fixo un percorrido intenso pola súa obra, dende a súa faceta como arqueólogo, seguindo pola de libreiro e editor, ata un longo paseo razoado pola súa produción escrita, facendo unha parada emocionada en Roseira do teu mencer , o libro de poemas que escribiu tras a morte da filla que chamaban Colorín e que morreu de nena.

Débeda gozosa

O académico lembrou tamén a «débeda gozosa» que a cidade de Vigo ten con Álvarez Blázquez, e que «nunca poderá ser pagada», con relación á súa actividade como historiador, arqueólogo pioneiro e editor senlleiro na cidade. Segundo o autor, o traballo como editor de Álvarez Blázquez é «o maior dos innumerables servizos que ofreceu á patria».

Tanto Cabana coma Ferrín, Freixanes e outros membros da RAG referíronse á proposta da familia de crear unha fundación en torno á figura deste autor, unha iniciativa que, segundo asegurou o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, conta coa «mellor disposición desta institución».

Celso Álvarez Cáccamo, un dos fillos do escritor homenaxeado, explicou que o proxecto da fundación sería fundamental para que o arquivo -que a día de hoxe permanece no domicilio da viúva de Álvarez Blázquez- estivese adecuadamente catalogado, inventariado, preservado e dixitalizado para estudos posteriores, e podería incluso servir para acoller o legado dos antepasados de Álvarez Blázquez. O fillo do autor lembrou tamén que o seu pai tiña «unha amplísima correspondencia, así como 130 carpetas organizadas e outro material sen catalogar con escritos, documentos históricos da cidade de Vigo, artigos e unha importante biblioteca. Álvarez Cáccamo, ademais, manifestou que, por lóxica, a sede da futura fundación debería estar en Vigo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

A RAG reclama a creación dunha fundación para Álvarez Blázquez