Ser algo ou non ser nada (comedia presidencialista)

Camilo Franco

CULTURA

11 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Entramos na semana santa da literatura galega. Insisto na idea do santoral laico da cultura para ver se o modelo cambia algún día e en lugar de día festivo conseguimos unha festa popular.

Pobre cine rico. Énchesenos a boca falando do audiovisual galego. Como case sempre, cando falamos de cultura en Galicia falamos máis de cifras que de historias. No audiovisual aínda máis. Pero se tivésemos que falar de audiovisual en serio, sobre o que conta, sobre iso que tan inxenuamente chamamos estilo teriamos máis problemas e máis lagoas. Moitos días dá a impresión de que aínda estamos nese estadio no que nos conformamos con facer. Un cálculo directo: se facemos algo é porque existimos algo. Un algo é mellor que moita nada. Será pola nosa fama de conformistas.

San Caetano West Wing. Mirando traballar ao único actor galego que triunfou en Hollywood, Martin Sheen, chego a unha pregunta crucial para o audiovisual galego: ¿sería posible aquí unha serie como A ala oeste da Casa Branca? Non digo co mesmo presuposto, non son tan inxenuo. Digo unha serie sobre o día a día dun Goberno bipartito, coas broncas, as negociacións, as liortas de portavoces, as filtracións, a crise do leite, os avisos de Pescanova ou as inauguracións fantasma. Se a resposta é negativa, como sinala a historia pasada e presente da TVG, entón é que non somos, nin algo nin nada.

Plan ministerial. O Ministerio de Cultura anunciou un plan para as artes escénicas que, entre outras iniciativas, prevé a creación dunha axencia estatal para o sector. Non é novidosa e quizais sirva para alixeirar algunhas relacións que agora son demasiado pesadas. Chama a atención nisto, na literatura ou no circo, é que todas as iniciativas vaian á creación de estruturas cando o gran problema da cultura no século XXI é a cada vez maior distancia que os públicos toman con estas cousas.