Touriño recomenda ler a Salgari

Concha Pino

CULTURA

O presidente da Xunta celebrou o Día do Libro cun encontro físico e virtual con cen escolares de centros públicos de Galicia

24 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Emilio Pérez Touriño recuperou un pouco da súa infancia no encontro que lle organizaron cun cento de nenos e nenas de seis centros de infantil e primaria e de primeiro ciclo da ESO para celebrar o Día do Libro. A cita foi no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) co título Falamos de libros co presidente , e malia que empezou un chisco fría, sobre todo porque os rapaces traían mellor preparado o seu papel que o presidente, foi collendo trazas e a naturalidade dos escolares logrou gañarlle terreo aos nervios previos ás intervencións. Incluso Touriño se fixo á situación, e pasou das preguntas rituais a contarlles aos rapaces que empezou a ler, á marxe dos deberes, aos 8 ou 9 anos e que lle encantaban os libros de aventuras de Emilio Salgari, ata o punto que lles dixo: «Recoméndovos ler El corsario negro ».

Os centros que participaron están no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. No Mupega participaron escolares de Portela (Pontevedra), Nigrán, Sigüeiro, Santa Comba, Pazos (Ferrol), Présaras de Vilasantar e do club de lectura do IES Río Cabe de Monforte. E por medio de videoconferencia interviñeron ademais alumnos do Amaro Refojo, de Verín, e de A Ponte, de Lugo.

Nestes casos o profesorado elixe para intervir aos máis espelidos da clase, e sen dúbida reflectiron o labor a prol da lectura, porque falaron de contos que len na clase e dos que escollen na biblioteca escolar. E se Salgari era o autor xuvenil por excelencia cando Touriño era neno, os pequenos lectores deste encontro amosaron que hoxe a escolla é moi ampla e diversa, porque comentaron obras de autores internacionais, como Roald Dahl, e galegos, como Fina Casalderrey, Gloria Sánchez, Neira Vilas e Antón Cortizas. Ninguén quedou indiferente coa intervención dun escolar de Sigüeiro de 12 anos, Nicolaieu. Comentou dous libros nun galego perfecto, e a profesora aclarou que é romanés é só leva dous anos en Galicia.

Touriño, que estivo acompañado pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María Xosé Pérez Mariño, puido comprobar o acerto da frase coa que rematou a presentación unha das profesoras: «Só as árbores que teñen flor dan froito, e estás árbores están cheas de flor».