«Moitas persoas non ven a lingua como un ben colectivo»

CULTURA

«Hai portugueses para os que o Brasil é aínda un país menor de idade», afirma

14 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«Non hai asunto máis discutido nos últimos 20 anos en Portugal que o Acordo Ortográfico. Algunhas posicións contrarias quizá non se consigan mover nunca», afirma Carlos Reis, Reitor da Universidade Aberta de Portugal e un dos intelectuais do seu país con maior proxección internacional, especialista no campo das letras.

-¿Por que hai tanta polémica e por que dura tantos anos?

-Hai razóns psicolóxicas e histórico-simbólicas. Moitas persoas teñen no idioma que falan unha especie de último reduto da súa individualidade; é como unha parte do corpo e hai resistencia a mudar; entenden que é algo individual, e non ven a lingua como un ben colectivo, que precisa mecanismos de regulación e de actualización. Outra das razóns é a imaxe do Brasil, un país independente que para moitos portugueses é aínda menor de idade, nunca atinxiu a maioría. O problema é que xa é maior e medrou moito máis que o pai. Aínda o ven como lugar de pracer e divertimento, carnaval, praias, non como un país con elevado nivel de cultura, literatura, ciencia, investigación, universidades, etc., unha potencia económica sempre a medrar, que exporta avións aos Estados Unidos, isto moitos portugueses non o saben. -Tamén hai diverxencias de colectivos que se senten prexudicados, ¿non é? -Si. Por un lado están os lingüistas: moitos teñen discordancia parcial, e mesmo critican aspectos do Acordo de 1986 que xa están superados. E outros lingüistas nosos moi prestixiosos, como Herculano de Carvalho ou Lindley Cintra, estaban a favor; e o mesmo brasileiros como Houaiss e Evanildo Bechara. -¿E os editores? -Hai que lles preguntar por que se preocupan agora polos libros inutilizados e non se preocuparon cos manuais escolares todos estes anos. Os países africanos utilizaban a ortografía portuguesa e iso era unha barreira para o Brasil. Ao existir unha única norma, un editor brasileiro pode competir. -¿Que diferenzas hai con situacións anteriores? -A tecnoloxía actual facilita reimprimir moi rápido, gañar moito sen facer variacións do texto. Por esa regra nunca máis se mudaría nada. Aínda que hai editores serios interesados en facer negocio no Brasil e que ven o Acordo como unha oportunidade para a exportación, cando o mercado do libro portugués se está a concentrar. En todo caso, os editores serven á lingua, non a lingua aos editores.